Castro e Ladeira mostra o seu malestar ante a falta de investimentos do Concello en Sabarís

FOTO: CASTRO E LADEIRA // Digna Rivas e Martín Otero durante a xuntanza.

Martín Otero, presidente da Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís, mantivo este luns unha reunión na sede da Deputación en Vigo coa deputada Digna Rivas, na que delegou a presidenta Carmela Silva por motivos de axenda.

Nesta xuntanza, Otero trasladoulle o malestar existente na parroquia de Sabarís ante a falta de investimentos. “Non dicimos que non se faga nada, pero o que se fixo ata agora é insuficiente”, declarou o representante veciñal. “Levamos máis dun lustro loitando para que se leve a cabo a construción dun centro social e sabemos que a Baiona chegan fondos do Plan Concellos, concretamente 921.708 euros, e a nós nunca nos chega nada”, afirma Martín.

Tamén tratáronse temas de saneamentos pendentes, arranxo de cunetas, obras menores, contratación de becarios para a apertura da Casa Rosa, etc. “Xa que en Baiona non nos fan caso, seguiremos en contacto coa Deputación”, concluíu o presidente da Asociación veciñal.

Anuncios