Adrede Boutique Moda e Ópticas Roris gañan o concurso de decoración do Nadal de Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // As gañadoras co diploma.

O Alcalde de Nigrán e representantes da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) entregaron hoxe a “Adrede Boutique Moda” e “Ópticas Roris” senllos diplomas acreditativos e cheques de 150 € tras resultar gañadores no II Concurso de Árbores e Ambientación de Nadal, o primeiro na modalidade de “Creación e Decoración de Árbores de Nadal” e o segundo en “Ambientación de Nadal”.

O concurso, concibido para estimular aos comerciantes a que fagan máis atractivos os seus escaparates durante esas datas, pretende axudar a dinamizar o comercio e, ao mesmo tempo, facer máis atractiva a imaxe do municipio nas festas. O xurado valorou nestes escaparates a capacidade de atracción e xeración do desexo de compra en base aos criterios de composición e deseño e tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia dos mesmos.