A Axencia Galega de Emerxencias adquire un novo dron de última xeración

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Novo dron da Axencia Galega de Emerxencias.

A Axencia Galega de Emerxencias, pioneira na utilización de drons no ámbito da seguridade e control de riscos, ven de facer a súa última adquisición, coa que potencia a Unidade Operativa de Drons(UOD), tanto a nivel Estatal como da Unión Europea a través da EENA (Asociación Europea do número único de Emerxencias).

Con esta aeronave do fabricante DJI tripulada remotamente, a AXEGA amplía a flota de drons e o seu ámbito de actuación, ao adaptarse á nova normativa que saíu publicada no BOE 29 de decembro, no que se recolle entre outras, a necesidade de levar incorporado na aeronave un transpondedor, ademais de poder ampliar os escenarios de operacións aínda en condicións meteorolóxicas de chuvia.

Entre as características máis salientables se atopan: a súa certificación IP-43; sensores antichoque de varrido 360 graos; dobre Gimbal con posicionamento variable; zoom óptico de vídeo de 30x; termografía con obxetivo de 19mm; ou batería calefactada con posibilidade de voo con baixas temperaturas.

A UOD da AXEGA, ven de prestar durante o ano 2017 un total de 20 servizos, a maioría en colaboración coas forzas e corpos de seguridade na busca de persoas desaparecidas, aínda que tamén en dispositivos de carácter preventivo, divulgativo-formativo e como ferramenta de autoprotección do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, integrándose no dispositivo de seguridade do continxente galego desprazado a Portugal a raíz da vaga de lumes forestais, a fin da detección de eventuais atrancos nas estradas por árbores/obstáculos que dificultaran o desprazamento dos vehículos de grandes dimensións mobilizados.