O Club Ciclista Rías Baixas incorpora ao campión sub23 de Castela-A Mancha

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Saúl Álvarez, Adrián Escobar e Jose Luis Chamorro.

O sexto ano do Club Ciclista Rías Baixas como equipo Elite e Sub23 arranca coa confirmación dunha fichaxe. A entidade do Val Miñor fíxose cos servizos de Adrián Escobar, actual campión sub23 de Castela-A Mancha. Este toledano de 21 anos procede do E.C. Cartucho.es.

Escobar estreouse como membro do conxunto galego visitando as instalacións de Qualery, a empresa cafeteira con sede en Toledo que se incorporou como patrocinador ao proxecto impulsado por José Luis Chamorro. Alí, o presidente e o seu novo corredor foron recibidos por Saúl Álvarez, CEO de Qualery.

Nacido na localidade de Torrijos considérase un ciclista “polivalente e bastante rápido”. Durante a súa etapa como júnior defendeu as cores do Rupamo-La Caixa e da Fundación Víctor Sastre. Desde que deu o salto ao campo amateur militou unha campaña no Bicicletas Rodríguez e dúas no E.C. Cartucho.es.

“Dánseme ben as carreiras duras con terreo rompepernas, pero sen portos moi longos. Se as forzas acompáñanme gústame pelexar por coller as escapadas”, apunta o gañador no 2017 do campionato castelán manchego sub23. Ademais, a pasada tempada impúxose no Trofeo PC Pomba e finalizou como primeiro sub23 no Giro de Calatrava e no Trofeo Festas do Ausente.

O seu rendemento abriulle as portas a disputar o Campionato de España representando á súa comunidade autónoma. De fronte ao novo curso espera “dar un salto de calidade” e a súa intención é “chegar forte ao principio do calendario para dar a talla na Copa de España. Os outros obxectivos son volver levantar os brazos para celebrar algunha vitoria e axudar ao equipo en todo o que estea na miña man”.

Polo momento o Club Ciclista Rías Baixas oficializou a chegada de catro caras novas ao seu proxecto. Andrés Abal, Óscar Justo e Rafael Pereira forman parte dunha lista á que agora se une Escobar e que se ampliará nas próximas semanas. O salmantino Iván Rodríguez estrearase neste 2018 ao volante da formación miñorana.