O Panxón Nigrán FS reúne 670 quilos de alimentos no seu IV Torneo Solidario

FOTO: PANXÓN NIGRÁN FS // IV Torneo Solidario.

Este sábado clausurouse o IV Torneo Solidario organizado polo Panxón Nigrán FS coa colaboración do Concello de Nigrán, coa entrega simbólica dos 670 quilos de alimentos e máis dun centenar de produtos de hixiene, recollidos durante o torneo e a campaña solidaria organizada polo Club, na que colaboraron como puntos de recollida a Bocatería Lalo’s e Pneumáticos Anta.

Durante os tres días de torneo disputáronse 32 partidos, nos que participaron 25 equipos e máis de 240 deportistas, das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil feminino, infantil e cadete. No torneo, no que prevalecía o modelo de participación sobre o de competición, asistiron os clubs Anpabal FS, Campito FS, Niño Jesús, Pecheches FS, Redondela FS e Talleres ABC Vigo.

Un ano máis, desde a directiva do Club agradecen a clubs, xogadores, familiares, amigos, asistentes, socios, colaboradores, patrocinadores e Concello, o facer posible este novo éxito deportivo e solidario.