Deporte, solidariedade e música para despedir o ano en Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // San Silvestre Solidaria en Nigrán.

O Concello de Nigrán despediu este sábado o ano coa celebración por terceiro ano consecutivo da carreira San Silvestre Solidaria, organizada xunto con Serviocio e coa colaboración da Deputación de Pontevedra. A proba, non competitiva, constou de andaina de 4 km e carreira de 6 km, con saída e meta na Piscina Mancomunada de A Ramallosa.

Con medio millar de persoas inscritas, a carreira foi ata Panxón e a andaina bordeou todo Monte Lourido. Todo o recadado coas inscricións, 1 quilo de alimentos non perecedoiros por cada participante, será destinado aos Servizos Sociais do Concello de Nigrán para que dende este departamento se distribúa entre as persoas máis desfavorecidas.

Como novidade este ano, os corredores foron agasallados cun gorro de Papá Noel co que participaron na proba e, á súa chegada, recibiron un chocolate quente. Ademais, sorteouse unha bicicleta entre todos os participantes.

O colofón da proba foi o concerto de Argonats Band na chegada a meta, que precisamente estivo situada na rúa Argonautas (diante da piscina) que leva este nome dende hai dous anos en homenaxe a este grupo de atletas. Argonats Band é un grupo de R&R e Pop configurado por seis acordeóns, violín, gaita, baixo eléctrico e batería que fan versións dos clásicos.

“A aposta deste goberno polo deporte é total e absoluta e cremos que o mellor xeito de despedir o ano é facendo deporte, facéndoo en comunidade e divertíndonos para que pouco a pouco sexamos quen de incorporalo aos hábitos dos máis pequenos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán e quen iniciou no 2015 a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés.