Máis de 350 persoas participarán na “San Silvestre Solidaria” de Nigrán

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // San Silvestre de Nigrán.

O Concello de Nigrán e Serviocio, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, celebran por terceiro ano consecutivo a carreira San Silvestre Solidaria o sábado 30 de decembro para despedir o ano. A proba deportiva, non competitiva á que hai anotadas 350 persoas, consta de andaina de 4 km e carreira de 6 km, con saída ambas ás 17:00 horas dende a Piscina Mancomunada de A Ramallosa (lugar tamén da meta).

A carreira irá ata Panxón e a andaina bordeará todo Monte Lourido. Todo o recadado será destinado aos Servizos Sociais do Concello de Nigrán para que dende este departamento se distribúa entre as persoas máis desfavorecidas.

Como novidade este ano, os corredores serán agasallados cun gorro de Papá Noel coa intención de que participen con el na proba e, á súa chegada, recibirán un chocolate quente. Ademais, sortearase unha bicicleta entre todos os participantes.

O colofón da proba será o concerto de Argonats Band ás 18:30 horas na chegada a meta, que precisamente está situada na rúa Argonautas (diante da piscina) que leva este nome dende hai dous anos en homenaxe a este grupo de atletas. Argonat Band é un grupo de R&R e Pop configurado por seis acordeóns, violín, gaita, baixo eléctrico e batería que fan versións dos clásicos.

“A aposta deste goberno polo deporte é total e absoluta e cremos que o mellor xeito de despedir o ano é facendo deporte, facéndoo en comunidade e divertíndonos para que pouco a pouco sexamos quen de incorporalo aos hábitos dos máis pequenos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán e quen iniciou no 2015 a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés.

Anuncios