Concerto de Nadal de Cantares do Brión no Centro Cultural de Vincios

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Cantares do Brión celebra este sábado 30 de decembro o Concerto de Nadal 2017, a partir das 20:00 horas no Auditorio do Centro Cultural de Vincios, incluído na programación cultural organizada pola Asociación de Veciños “Galiñeiro”.

No repertorio, pezas novas e outras xa clásicas nas actuacións do coro. Non faltará a intervención da sección de baile. A sección de teatro de Cantares do Brión estreará a peza “Xa pasaron as leiteiras”, un texto de Lucía Cid Cabido, baseado na experiencia histórica deste oficio que tanta importancia tivo en tempos pasados. A acción desenvólvese dentro do formato dun programa de televisión de título Oficios da Estirpe.

Cantares do Brión actuou este ano en numerosos escenarios da xeografía galega, nomeadamente na Gala do Centenario de Cántigas da Terra, o histórico coro da cidade da Coruña. Para 2018 anuncian a gravación do seu segundo disco, que esperan ver publicado no outono do mesmo ano.