Sin categoría

Nigrán inviste 18.600 € en equipamento deportivo adaptado para persoas con discapacidade

O Concello de Nigrán investiu a través da Deputación de Pontevedra 18.634 € na adquisición de equipamento deportivo adaptado para o uso das persoas con discapacidade. Trátase de catro vehículos a pedal que estarán no Pavillón Municipal de Panxón a disposición de todas aquelas persoas con discapacidade e voluntarios que as soliciten. En concreto, trátase dunha cadeira todoterreo mono-roda tipo Joëlette, dous triciclos tándem tipo co-pilot e unha bicicleta adaptada con cadeira de rodas.

A compra deste equipamento deportivo adaptado encádrase no proxecto do goberno local “Un Nigrán para todos” que busca eliminar as barreiras físicas e cognitivas, situando ao municipio na vangarda das cidades máis inclusivas (este mesmo mes instaláronse no parque de A Ramallosa os primeiros columpios inclusivos do municipio).

“Queremos achegar o deporte e o ocio a todas aquelas persoas que teñen algunha discapacidade, estes vehículos son moi específicos e teñen un custo elevado, polo que non todas as familias se poden permitir adquirilos, así que dende o goberno consideramos a súa compra fundamental no noso firme propósito por alcanzar a inclusión total”, sinala o alcalde, Juan González.

“A Policía Local de Nigrán conta con varios axentes que colaboran con DisCamino (proxecto que naceu para unir Discapacidade e Camiño de Santiago axudando a estas persoas a cumprir o seu soño de chegar a Santiago) e os usuarios do Juan María serán os primeiros e máis beneficiados, pero en calquera caso, estarán no Pavillón Municipal para que as empregue toda aquela persoa con discapacidade que as solicite”, finaliza o rexedor.

Á recepción do equipamento adaptado se achegaron usuarios de Juan María e DisCamino, o Presidente e Director do Centro Juan María, o Sarxento Javier Pitillas e Fernando Molares, Policía Local de Nigrán ambos de Discamino.

2017-12-27 - Deportivo adaptado 5