A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, presentou, esta mañá na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, as 14 novas motos do Subsector de Tráfico da Garda Civil para a provincia, coas que os axentes traballarán nas estradas.
Xunto a Ortiz estivo o novo coronel da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Jorge González Veiga, que tomou posesión do seu cargo este martes, 26 de decembro. Onte presentouse ao delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e esta mañá foi recibido pola subdelegada do Goberno en Pontevedra.
Ambos presentaron os novos vehículos que forman parte do total de 80 que se distribuíron en toda a comunidade para dotar de maior seguridade a condución nos viarios. Todas elas xa están dispostas para o seu uso, coincidindo co comezo da campaña especial de Nadal, que se prolongará ata o 7 de xaneiro de 2018.
“Estas novas motocicletas substitúen e actualizan o parque móbil destes vehículos do Subsector de Tráfico da Garda Civil”, anunciou a subdelegada do Goberno, á vez que lembrou que “as novidades destes vehículos teñen como único obxectivo mellorar a seguridade, de todos os usuarios das vías e os axentes que as conducen”.
MÁIS EQUIPADAS
As novas motos están dotadas dun novo deseño institucional con predominio de cores de alta visibilidade, especialmente en cor flúor, e con luces led especiais que dan maior visibilidade ás motocicletas. Deste xeito proporciónase máis seguridade tanto ao motorista como ao resto de usuarios das vías.
Dentro das características técnicas, estes vehículos teñen unha maior cilindrada e potencia. Así mesmo contan con departamentos específicos para o traslado de medios portátiles para a realización de controis de alcol, droga e velocidade. Do mesmo xeito, os novos modelos permiten gardar o casco dentro da maleta e inclúen lanterna con cargador.
Estas 14 motos forman parte das 300 que o Ministerio de Interior distribúe para toda España e que supuxeron un investimento de máis de cinco millóns de euros.
Xunto á subdelegada do Goberno e o coronel da Garda Civil, tamén estiveron a xefa provincial de Tráfico, Mª Isabel Alonso de Linaje e o capitán do subsector de Tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Leovigildo Villares.

