Novena sesión de “Unha tapa con Carlos Casares” en Gondomar

FOTO: LIBRARÍA LIBRAIDA // 8ª sesión de "Unha tapa con Carlos Casares".

Como todos os últimos xoves de cada mes, a Libraría Libraida e a Taparía A Galiña de Ardora de Gondomar organizan “Unha tapa con Carlos Casares”, unha perfecta maridaxe entre a literatura e a gastronomía para homenaxear ao escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e moi vinculado á comarca do Val Miñor.

O acto, que comezará ás 20:00 horas, está dividido en dúas partes. Na primeira, unha persoa convidada achega aos asistentes unha das obras de Carlos Casares, e na segunda, comparten unha lectura de texto escollido e recollido na Marxe, o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia desde 1992 ata 2002, mentres degustan unha tapa na taparía. Nesta ocasión Cristina Fernández Ameal, mestra do CEIP Carlos Casares, comentará a obra infantil e xuvenil do autor e “10 lecturas compartidas con tapa”.

A obra infantil e xuvenil de Carlos Casares está formada por A galiña azul, As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, O can Rin e o lobo Crispín, A serie dos Toribio, Lolo anda en bicicleta, O galo de Antioquía e Un polbo xigante.