Baiona pecha o ano como o municipio con máis número de barcos en tránsito de Galicia

FOTO: MONTE REAL CLUB DE YATES

Os portos de titularidade autonómica recibiron 8.754 barcos en tránsito durante conxunto do ano 2017, segundo datos facilitados polos propios xestores das instalacións naútico recreativas. Así o destacou esta mañá o presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa na sede do Club Náutico San Vicente, en Pedras Negras, O Grove.

Durán Hermida explicou que o porto deportivo de Muros rexistrou o maior número de embarcacións destas características de toda Galicia, con 1.031 tránsitos, seguido de Combarro, con 839; e do Porto Deportivo de Baiona, con 639. No ámbito das Rías Baixas, a comarca con maior rexistro de actividade, recibíronse durante 2017 un total de 8.190 tránsitos, un 9% máis que o pasado ano. En concreto, na provincia de Pontevedra, líder nesta actividade, rexistráronse 5.869 tránsitos, un 9% máis que o ano pasado. O municipio con máis número de tránsitos foi Baiona, seguido de Sanxenxo.

O presidente de Portos lembrou que deste xeito, a comarca das Rías Baixas e a provincia de Pontevedra confirman a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que no que vai de verán está a manter os bos resultados. Así mesmo realizou balance económico do volume de negocio xerado por esta actividade. Durán Hermida indicou que en toda Galicia, a cifra de volume de negocio no sector auxiliar da náutica e o sector servizos das vilas portuarias superou os 2,5 millóns de euros, e máis de 1,7 millóns no referido á provincia de Pontevedra.

Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, Portos de Galicia mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico, senón no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas.

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional, como a súa presenza recente nos salóns náuticos de La Rochelle e París, en Francia, ou a súa próxima participación en Fitur 2018.

Anuncios