Éxito total do Torneo Solidario «Encesta un alimento» organizado polo CB Nigrán en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, que xa se atopa na súa cuarta edición. O CPI de Panxón acolleu durante dous días a centos de nenos e nenas que gozaron da práctica do seu deporte favorito, que tamén tiñan un compoñente de solidariedade importante pois cada un dos xogadores e as xogadoras que participaron achegaron alimentos non perecedoiros para ser entregados ao Banco de Alimentos.
Máis de 48 horas de baloncesto, 50 equipos, 600 xogadores e moitos quilos de comida recollidos. Estes son os números do torneo máis grande organizado por este club de baloncesto en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto e La Caixa, do mesmo xeito que con Frutas Nieves, que xa colaboraron na anterior edición achegando froita para todos os nenos participantes.
Desde a categoría baby á categoría cadete, pasando polas categorías benxamín, alevín e infantil desfilaron polo CPI de Panxón diferentes clubs, colexios e escolas deportivas para competir en varios xogos e compartir dous días de deporte, solidariedade, a festa da convivencia.
Os partidos foron arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto e árbitros en formación que participaron voluntaria e desinteresadamente, como o fixeron en edicións anteriores. Ademais dos eventos deportivos celebráronse durante os dous días diferentes sorteos de agasallos proporcionados pola Federación Galega de Baloncesto, o club AMFIV de cadeiras de rodas e a tenda de deportes Sport Area de Nigrán.
Ao acto de clausura asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González, que entregou a cada neno e nena participante unha medalla outorgada pola Fundación Obra Social La Caixa, que acredita a súa participación no torneo.
O Club Baloncesto Nigrán quere agradecer á Federación Galega de Baloncesto, a La Caixa, o Banco de Alimentos, ao Concello de Nigrán e Frutas Nieves, que fixesen posible o éxito deste torneo, tanto a nivel deportivo como social. Do mesmo xeito queren agradecer a colaboración «de todas as persoas que asistiron ao torneo», o mesmo que para os clubs que trouxeron aos nenos para poder participar e a todas as familias por acompañarlles.
A totalidade dos alimentos recollidos entregaranse ao Banco de Alimentos para destinalos ás familias máis necesitadas.

