Preto de 200 Papa Noeles reciben as festas surfeando en Patos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Os Papa Noeles surfeando en Patos.

Ao redor de 200 alumnos e monitores da Patos Surf Club e Prado Surf Escola deron este sábado a benvida ás festas do Nadal disfrazados de Papa Noel. Este orixinal mergullo xa se converteu en toda unha tradición no municipio de Nigrán, á que cada vez se apuntan máis amantes das ondas.

Preto dun centenar de surfeiros de Patos Surf Club celebraron xuntos o Nadal ao grande e de paso collendo unhas ondas nunha nova edición dos Papa Noeles Surfeiros, que cambian o tradicional abrigo por traxes de licra de cor vermella. Trátase dunha iniciativa coa que leva xa 11 anos, cumprindo con este rito para celebrar estas festas e o peche da súa tempada deportiva. Vanse á auga a surfear vestidos de Papa Noel e ao acabar gozan duns doces do Nadal e chocolatada. Tamén colaboran cos Servizos Sociais de Nigrán, xa que cada participante que asiste a esta xornada achega 1 quilo de alimentos non perecedoiros.

No caso de Prado Surf Escola, máis dun centenar de alumnos e monitores surfearon completamente disfrazados de Papá Noel, para dar a benvida ás festas do Nadal, dentro do Santa Clowns Surfing Day, que se celebra en todo o mundo. Todos os asistentes surfearon co característico gorro do Nadal de Santa Claus e recibiron un nariz de pallaso solidario, símbolo do seu compromiso coa Fundación Theodora, e ademais, como novidade esta edición, colaboraron tamén co Banco de Alimentos de Vigo, a través da doazón de alimentos non perecedoiros por parte dos participantes no evento. Contaron ademais, coa presenza de Papá Noel, que substituíu o seu trineo por unha táboa de Pádel Surf e por suposto, non faltou música e actividades programadas para os asistentes, finalizando a xornada cunha merenda do Nadal na que brindaron polo 2017 que xa se acaba.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios