1,7 millóns de desprazamentos previstos en Galicia durante a Operación Nadal de Tráfico

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, presentou esta mañá as principais cifras e previsións da Operación Nadal de Tráfico, que se inicia mañá e finalizará o 7 de xaneiro. Durante a súa intervención estivo acompañado pola coordinadora da DXT en Galicia, Victoria Gómez, e o xefe do sector de Tráfico da Garda Civil na comunidade, o tenente coronel Francisco Javier Molano. Tamén asistiu o director do Centro de Xestión de Tráfico, onde se atendeu aos medios, Ramiro Martínez.

A Dirección Xeral de Tráfico calcula que durante as tres fases da operación efectúense na área noroeste da Península 1,7 millóns de desprazamentos, un 10% dos previstos en todo o territorio nacional, que ascenden a 17 millóns.

A DXT mobilizará desde o Centro de Xestión de Tráfico, situado na Coruña, a todos os recursos humanos e técnicos dispoñibles, así como ás empresas de asistencia e mantemento na estrada, para garantir a fluidez e seguridade no tráfico durante estas datas.

Esta planificación busca como obxectivo final garantir a seguridade nos desprazamentos de forma que se minimice a accidentalidade na estrada e as súas consecuencias. Na campaña de Nadal do ano 2016 rexistráronse na comunidade autónoma 2 vítimas mortais en accidentes nas estradas galegas. En 2017 o número de falecidos ascende a 73; o que supón 28 menos que o ano pasado nestas mesmas datas.

TRES FASES DE OPERACIÓN ESPECIAL

Respecto da primeira fase da operación especial de Nadal, que comezará mañá e finalizará o luns 25 de decembro prevese que se produzan na área noroeste da Península 435.000 desprazamentos. Por este motivo, as principais complicacións pódense atopar mañá á saída das grandes cidades e naquelas estradas que teñen como destino os lugares de segunda residencia, áreas de grandes centros comerciais, zonas de montaña e as de atracción turística invernal.

Na segunda fase desta operación Nadal, entre o 29 de decembro e o 1 de xaneiro, están previstos 360.000 desprazamentos na zona noroeste; e na terceira fase, entre o 5 e o 7 de xaneiro, estímase que se realizarán 275.000 viaxes nas mesmas estradas.

Santiago Villanueva fixo un chamamento a todos os usuarios das vías, condutores, pasaxeiros, ciclistas e peóns, para que sigan as recomendacións da DXT e das patrullas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, especialmente nos fins de semana xa que nesta ocasión coinciden cos principais días de festas.

CONDUCIÓN SEGURA

Durante a súa intervención ante os medios o delegado do Goberno lembrou que a precaución ao volante é imprescindible: “Durante todo o período do Nadal intensificásense os controis e o traballo por parte da Agrupación de Tráfico para controlar a actividade circulatoria e garantir a seguridade viaria e que non se produzan accidentes na medida do posible”. Santiago Villanueva recalcou a necesidade do “non consumo de alcol e drogas e outras substancias”. Así mesmo insistiu na “importancia de circular coas luces acesas e levar elementos reflectores tanto peóns como ciclistas. Do mesmo xeito débese moderar a velocidade e adecuar a condución ás circunstancias das vías”.

Neste sentido tamén lembrou o uso do cinto como elemento de seguridade e dixo que “máis do 50% das vítimas mortais en accidentes de tráfico en Galicia, a mes de setembro, non levaban o cinto”.

Ao longo da súa intervención remarcou o perigo do uso do móbil, xa sexa para chamadas ou para mensaxes, cando se está ao volante: “O momento no que se mira o móbil non se esta vendo a estrada, e por tanto non se está atento á circulación”, dixo.

En relación á actividade en labores de seguridade Villanueva asegurou que se continuará coa “realización de controis de drogas, alcol e velocidade” e sinalou que “nestas datas é moi importante extremar a atención nas vías secundarias, xa que se producen numerosos desprazamentos curtos”.

O acto completouse coa proxección de dous vídeos. Un deles referido para os efectos do alcol sobre a condución; o segundo sobre as consecuencias do uso do móbil ao volante.

RECOMENDACIÓNS

Xunto a isto, é necesario insistir en recomendacións básicas para asegurar a máxima seguridade nos desprazamentos que efectuemos durante estas datas. Estas comezan antes do propio desprazamento coa revisión do vehículo, a planificación da viaxe e a consulta das condicións meteorolóxicas, para o que os cidadáns dispoñen de diversas ferramentas facilitadas pola propia DXT (páxina web, teletexto e aplicacións móbiles).

Os venres 22 e 29 de decembro e o venres 5 de xaneiro está previsto que as peores horas para a circulación sexan as que van desde as seis da tarde e ás nove da noite. Do mesmo xeito os sábados 23, 30 e 6 de xaneiro as peores horas serán entre as dez da mañá e a unha do mediodía. Ademais, os luns 25 de decembro e 1 de xaneiro, así como o domingo 7 de xaneiro, as horas punta situaranse entre as sete da tarde e as nove da noite.

Durante o desprazamento débense respectar as recomendacións de descanso, de respecto ás normas de circulación, de adecuación da marcha ás condicións da circulación e estado da vía e, por último, de uso adecuado de todos os dispositivos de seguridade para os ocupantes adultos e menores. E se se é usuario de bicicleta, lembrar que, ademais do casco, ten que circular con luces e peza reflectora cando circule pola noite.

No caso dos peóns, se se camiña por vías fóra de poboado, lembrar a previsión de facelo pola esquerda e, se é de noite ou en condicións meteorolóxicas ou ambientais que diminúan sensiblemente a visibilidade, provisto de chaleco ou outra peza retrorreflectante.

RESTRICIÓNS DE CIRCULACIÓN

Para garantir a seguridade nas vías restrinxirase o transporte de mercadorías perigosas e maquinaria de servizo automotriz o luns 25 de decembro e os días 1, 6 e 7 de xaneiro entre as 8:00 e as 24:00 horas, e o venres 5 entre as 16:00 e as 24:00 horas. Unha limitación que tamén será aplicable aos vehículos que necesitan dunha autorización complementaria de circulación, ao superar polas súas características os valores das masas ou dimensións máximas permitidas.

Ademais, as obras que se realicen na rede viaria galega estarán paradas entre a unha do mediodía de mañá, venres 29 e venres 5 ata as 24:00 horas do 25 de decembro e do 1 e 7 de xaneiro.