Cadena 100 celebrou este martes a cerimonia de entrega dos premios da solidariedade, a xenerosidade e as boas accións: os seus Premios ¡Buenos días, Javi y Mar!: Por un mundo mejor, que neste 2017 alcanzaron a súa decimo primeira edición.
Os Premios ¡Buenos días, Javi y Mar!: Por un mundo mejor entregáronse no cinema Capitol de Madrid, e contaron cun xurado excepcional que se encargou de seleccionar aos heroes anónimos que merecen o galardón, persoas extraordinarias cuxa labor debe ser recoñecida.
Os membros do xurado que elixiron os gañadores xunto co equipo de ¡Buenos días, Javi y Mar! nesta edición son Elsa Punset (escritora e filósofa), Chema Martínez (atleta), Antonio Díaz, o mago Pop (mago), Sergio Dalma (artista), Isabel Jiménez (xornalista, presentadora de Informativos Telecinco), David Cantero (xornalista, presentador de Informativos Telecinco), Xema Hassen- Bey (medallista paralímpica en esgrima) e Paula Vázquez (presentadora de televisión).
Entre os protagonistas estiveron os veciños da parroquia nigranesa de Chandebrito, representando a todas aquelas persoas que saíron das súas casas para apagar as chamas e axudar aos seus veciños nos incendios do pasado mes de outubro.
A solidariedade de todo un pobo puido coas chamas que arrasaron Galicia. Man a man, cubo a cubo, o lume foi extinguíndose grazas á colaboración de todos os veciños de Nigrán. A vaga de incendios que arrasou Galicia e as condicións climáticas de sequedade, calor e vento, xunto ao mal estado dos bosques e a falta de bombeiros fixo necesaria a intervención cidadá.
Máis de 11.000 hectáreas de terreo galego foron arrasadas polas chamas e os corpos e forzas de seguridade e salvamento non tiñan recursos suficientes para apagalas. Os veciños de Nigrán encheron cubos de auga e colleron as poucas mangueiras das que dispoñían e saíron a colaborar para extinguir o lume e axudar ás persoas afectadas dando acollida e apoio a todos os que o necesitaban.
Recolleron o premio, en nome de toda a parroquia de Chandebrito, Víctor Vidal, presidente da Comunidade de Montes e da Asociación de Veciños, e Saladina Pérez, secretaria da Asociación de Veciños. Na súa intervención, Saladina destacou que “non somos merecedores deste premio, simplemente somos xente que estivo aí cos nosos veciños”, mentres que Víctor agradeceu “a todos eses heroes anónimos” que colaboraron nos labores de extinción.




