O Club Ciclista Rías Baixas concentrarase no Centro Príncipe Felipe

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Presidente e director deportivo do Club Ciclista Rías Baixas no Bufete Gándara Moure.

Do día 15 ao 23 do próximo mes de xaneiro o Club Ciclista Rías Baixas preparará o novo curso no seu habitual cuartel xeral de pretempada. As instalacións do Centro Príncipe Felipe da Deputación de Pontevedra acollerán un ano máis á estrutura miñorana na súa posta a punto para o inicio do calendario elite e sub23. Durante este stage na capital da provincia os corredores do proxecto impulsado por José Luis Chamorro combinarán os adestramentos, con actividades de formación e probas de saúde.

O apoio da Deputación de Pontevedra desde que Carmela Silva asumiu a súa presidencia resultou fundamental para o crecemento experimentado polo Club Ciclista Rías Baixas. Ademais de converterse no patrocinador principal do equipo, o ente provincial facilita ao terceiro mellor conxunto Elite do pelotón amateur español a pasada campaña o uso do Centro Príncipe Felipe, un escenario ideal para realizar unha concentración previa ás primeiras carreiras do ano.

O salmantino Iván Rodríguez estrearase no 2018 como máximo responsable deportivo desta formación. O novo técnico dirixirá por primeira vez desde o coche a todo o persoal nestes adestramentos grupais que se desenvolverán polas estradas da provincia pontevedresa a mediados do mes de xaneiro. A acumulación de quilómetros estará acompañada de charlas impartidas por expertos en alimentación, adestramentos, mecánica, comunicación e táctica.

Ademais, os corredores someteranse ás probas de esforzo e á revisión médica que efectuará CardioBaiona, a través do seu máximo responsable Diego Fernández Redondo, á súa vez cardiólogo do Club Ciclista Rías Baixas.

O programa de actividades destas xornadas completarase cunha visita ao Bufete Gándara Moure. Neste despacho de avogados en Vigo os ciclistas asinarán o código ético do equipo, elaborado a través dun sistema de ‘compliance’ co que se busca a excelencia como entidade deportiva para ofrecer as máximas garantías ás empresas que apostan por este proxecto.

Anuncios