Chandebrito acolle a I Festa de Exaltación da Landra como protesta á eucaliptación dos montes

O colectivo Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor organiza este sábado día 16 de decembro a I Festa de Exaltación da Landra de Chandebrito, que se celebrará na antiga escola infantil (Rúa da Igrexa, 2) como proposta e protesta á eucaliptización dos nosos montes.

A Festa da Landra xorde como unha idea de César Lema, doutor en bioloxía e veciño de Gondomar, que leva tempo dedicándose á divulgación e posta en valor do carballo como árbore vital e fonte de vida e riqueza do todo tipo. Reclamando a súa importancia e que ten presentando estudos e publicacións relacionados coa landra como fonte de alimentación esquecida. Por iso parte da festa vai ser a presentación e degustación de diferentes pratos cociñados con landras e plantas silvestres.

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 cede o seu local. Ás 16:00 horas darase lectura ao manifesto da exaltación da landra e o carballo. Despois, ás 16:30, haberá un obradoiro para elaborar “landraguesas”, hamburguesas feitas con fariña de landra, e haberá postos con pratos cociñados a partir de derivados da landra e plantas silvestres para degustar e compartir. Rematará a festa cun serán a partir das 19:00 horas.

Anímase a todas aquelas persoas interesadas a levar un prato feito con landra ou froitos silvestres para compartir na merenda.

Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor

Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor é un colectivo de xente veciña, dos tres concellos do Val, que se organiza libremente para dar unha resposta coordinada á desfeita da última vaga de lumes e á situación dos montes.

O colectivo nace a partir da proposta que xurdiu co mesmo nome en Ponte Caldelas e que pretende espallarse e construír unha rede de proxectos similares que cooperen entre si cun obxectivo común: a reforestación forestal do monte con especies autóctonas.