Baiona garante a potabilidade da auga

Tras ser detectada unha elevación do indicador de aluminio en varios puntos da rede de abastecemento de Baiona polo Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade, a concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias, apunta que segundo a información que posúe a auga é apta para o consumo.

Os técnicos vincularon os resultados dos controis preventivos cos reactivos utilizados para combater a turbidez xerada tras as intensas choivas do pasado domingo. Desde a concesionaria do servizo, Gestagua, informaron este xoves ao Concello de que a situación vén derivada polo baixo nivel do encoro e a elevada pluviometría, que fixo que a capacidade pase do 24 ao 38% en soamente dous días, o que provoca que a calidade da auga recibida do encoro tivese “un brusco cambio elevando os valores en orixe dos metais disoltos”,

O pasado martes día 12 a inspección de Sanidade tomou mostras de auga en distintos puntos do municipio, atopándose valores de ferro e aluminio por encima do valor paramétrico. Segundo indica Gestagua, os valores atopados aínda que determinan a presenza destes elementos, presentes na natureza, están por baixo do valor consensuado pola autoridade sanitaria aínda que se considera que posúe unha non conformidade.

Coñecida esta situación extraordinariamente, están a modificarse as dosificacións de reactivos na planta de tratamento para conseguir unha redución destes valores anómalos. Ademais estase realizando un seguimento dos mesmos tanto pola empresa concesionaria como por Sanidade. Este mesmo xoves a inspección da Xunta volveu a tomar mostras nos mesmos puntos para confirmar os valores obtidos nas mostras tomadas o martes. Desde Gestagua esperan que o resultado das mesmas dean valores mellorados.