A praia de Patos acolle o “Gony Z Series” 2017

Gony Zubizarreta co cartel desta edición.

O mellor surfeiro galego de todos os tempos, e actualmente o mellor nacional e subcampión europeo WSL, volve á súa praia como cada ano para celebrar o Gony Z Series. Trátase dun divertido evento organizado por La Conservera del Surf e Vigo Mafia Surf Club aberto para todos os surfeiros e totalmente gratuíto. A idea é gozar xunto a Gony Zubizarreta de toda a súa experiencia e compañía.

Nesta terceira edición, que se celebrará este sábado día 16 de decembro, chega a consolidación con considerables cambios e as categorías Anti-Pro Open (Adultos con sentido do humor), Kids (Menores de 17 anos) e GIRLS (As mozas ao poder) e moitos premios.

Unha especie de competición atípica na que se puntuará actitude, fluidez, estilo e sobre todo esencia. Ademais durante a xornada, que comezará ás 9:00 da mañá, haberá sorteos e moitas sorpresas. Para acabar, todos os amigos, participantes e fans desprazaranse a La Burguería en Vigo (r/García Barbón 30) xunto a Gony para facer un repaso ao seu ano no circuíto mundial. Compartirán experiencias entre surfeiros no que volverá ser unha xornada inesquecible para os surfeiros asistentes.

Inscricións & Meeting Point en La Conservera del Surf (Praza Mario Puentes 6, Praia de Patos.). Máis información a través do correo info@laconserveradelsurf.com ou no teléfono 648 669 729.