Xornada sobre autismo en Nigrán con charla coloquio e proxección de tres curtas

O Auditorio do Concello de Nigrán acolle mañá xoves ás 19:00 horas unha xornada sobre o trastorno do espectro do Autismo organizada polo Concello de Nigrán, Fundación Menela e Grupo Oes Ves do Centro de Saúde do Val Miñor. Durante a mesma haberá unha charla-coloquio e proxectaranse tres curtas que abordan este trastorno: “El viaje de María”, curta de animación do debuxante Miguel Gallardo, pai dunha nena con autismo; “El cazo de Lorenzo”, baseado no conto de Isabelle Carrier e que explica dunha forma sinxela e directa por qué as persoas somos todas diferentes; e “Por cuatro esquinitas de nada”, montaxe audiovisual baseada no conto de Jérôme Ruillier que ensina valores como a solidariedade, a busca de solucións, a aceptación, a integración e o traballo en equipo.

Ademais da proxección destas curtas, terá lugar unha charla-coloquio a cargo de Berta Meijide Rico e Ana María Rodríguez Díaz, ambas profesionais con máis de 30 anos de experiencia que exercen como profesoras de Educación Especial no Centro Educativo Menela (fundación sen ánimo de lucro para a axuda de persoas con este trastorno).