Baiona presenta a XIX edición do Cros Escolar do Val Miñor

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Mª Jesús Martíns, Ángel Rodal e Daniel Benavides co cartel do XIX Cros Escolar do Val Miñor.

O Salón de Plenos do Concello de Baiona acolleu esta mañá a presentación da XIX edición do Cros Escolar do Val Miñor, que se celebrará o vindeiro domingo día 17 de decembro, sendo unha proba de carácter oficial e clasificatoria para o Cros Escolar Provincial.

O Cros está organizado pola Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Concellería de Deportes do Concello de Baiona. Será no antigo campo de fútbol de Santa Marta, en Sabarís, a partir das 10:45 horas. As distancias e percorridos a lograr polos atletas diferéncianse por categorías contando coas seguintes: chupetes, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes, tanto masculinas como femininas.

Máis de 700 escolares do Val Miñor, así como de Vigo e a súa área metropolitana, participarán na proba, pendente aínda do peche de inscricións, que terá lugar hoxe.

“É un Cros familiar, unha festa e un referente para o Cros escolar, porque poden participar todos os nenos acompañados polos seus familiares”, declarou Daniel Benavides, delegado provincial de deportes da Xunta de Galicia.

“Para Baiona é un pracer acoller unha nova edición do Cros Escolar na que participan tantos escolares. É importante que os máis pequenos practiquen deporte e esta proba é unha oportunidade magnífica para que entren en contacto con el”, sinalou o alcalde de Baiona, Ángel Rodal.

A organización entregará a todos os participantes produtos Coca Cola e Rosquillas Cristaleiro. Ademais, conta coa colaboración de Protección Civil Val Miñor, Peña Moteros Val Miñor, Camping Bayona Playa e as Concellerías de Medio Ambiente, Vías e Obras e Electricidade.