A Deputación mantén activo o gabinete de crise por mor da cicloxénese “Ana”

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Árbore caída pola borrasca "Ana".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que desde onte a primeira hora da mañá activouse o gabinete de crise da institución provincial con motivo da cicloxénese explosiva “Ana”. Por tal motivo, amais de manter en alerta a diferentes traballadores e traballadoras dos servizos da Deputación, reforzouse ata en oito os efectivos nos diferentes parques do consorcio que tiveron que realizar ata 28 saídas ao longo do domingo.

Segundo declarou a presidenta provincial, os parques do consorcio contaron con oito efectivos máis engadidos aos 13 de garda que permitiron, entre outras cuestións, “garantir unha segunda saída nos parques do Porriño, Morrazo e Ribadumia, en coordinación co 112 e o servizo provincial de emerxencias de Pontevedra”.

Deste xeito, os efectivos dos parques do Salnés tiveron que atender un incendio nunha carpintería do Grove, actuando nunha caldeira e no anexo. Amais, tamén tiveron que arranxar desprendementos do alumeado de Nadal situado nas vilas da comarca e realizar limpezas nas vías dos restos do temporal.

Pola súa banda, os efectivos do parque do Morrazo realizaron un total de 11 saídas, dous achiques de auga por inundacións, unha actuación nunha cheminea e outra por mor dun desprendemento da cuberta dun edificio en Marín, que mantén hoxe efectivos revisando e avaliando os riscos. No caso deste edificio de Marín, tal e como informou Carmela Silva, “falamos dunha intervención moi laboriosa, de catro horas, xa que parte do teito rematou no edificio de enfronte”.

Os efectivos do parque do Porriño tiveron que realizar ata 16 saídas para actuar nunha cuberta de nave industrial no polígono da Granxa, en dous achiques de auga, nun portalón que se desprendeu contra unha fachada así como en arrastres de terra procedentes de terreos queimados que illou unha casa nas Neves. A maior cantidade de saídas que tivo que realizar este parque debéronse a árbores derribadas, entre as que destacan unha que caeu sobre a A-55, que obrigou a cortar o tráfico no Porriño, e outra sobre unha liña de media tensión en Mos, na PO-331.

Ao longo do día de hoxe, mantense a alerta laranxa na provincia de Pontevedra polo que a presidenta provincia instou á xente “a manter as medidas de precaución ao longo do día, afastándose especialmente da costa, de cantís e portos xa que os fenómenos costeiros poden causar riscos importantes”. Pola súa banda, Carmela Silva tamén pediu que “no interior se poña atención ás bolsas de augas nas estradas e restos de elementos caídos ou que poidan desprenderse”.

Castelo de Soutomaior

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer os danos que sufriron os xardíns do Castelo de Soutomaior, “notablemente afectados pola cicloxénese”. Máis polo miúdo, Silva destacou que “caeron e son irrecuperables oito cipreses de San Xoán, un abeto, un camelio, dous cedros e un carballo e hai soltas numerosas ramas de cedros, sequoias e abetos que nos fan aconsellable o peche dos xardíns ata o xoves, polo perigo que supón para as persoas visitantes”.