Anuncios
Ticker de novas

Conta atrás para que os concellos se adhiran ao Plan Revitaliza

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Composteiro comunitario en Sabarís.

Comeza a conta atrás para que os concellos que queiran participar no Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación poidan adherirse e obter un plan de residuos individualizado baseado na compostaxe. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicou onte as “Bases reguladoras da nova convocatoria de subvencións para a consolidación do Plan Compost Revitaliza”, cun prazo de solicitude que finaliza o vindeiro catro de xaneiro.

Este novo prazo abriuse debido ao interese mostrado por algúns concellos que quedaron fóra da anterior convocatoria, aprobada en xullo, coa que os municipios adheridos se beneficiaban de varias actuacións postas en marcha pola Deputación de Pontevedra, desde a formación do persoal, ata dúas liñas de subvencións para consolidar o Plan Revitaliza. A liña 1 permitíalles aos concellos adheridos dispoñer dun plan de residuos individualizado no que estudar que parte da poboación pode compostar de xeito individual, canta pola vía dos centros de compostaxe comunitaria e canta a través dunha planta de tratamento. A liña 2 tivo por obxecto subvencionar a adquisición dos composteiros individuais e comunitarios necesarios para a posta en marcha do novo modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, así como dos materiais complementarios para o seu bo funcionamento (trituradoras, remolques etc.), e estaba dotada con 1.250.557,45 euros.

Ao remate da primeira convocatoria foron 29 os concellos adheridos ao Plan Revitaliza, dos cales 24 solicitaron participar na liña 1 e oito na liña 2, cifras que superaron as previsións iniciais e que obrigaron a Deputación de Pontevedra a facer un grande esforzo para dotarse dos medios humanos e técnicos necesarios para poder cumprir coas esixencias presentes e tamén futuras.

Nas últimas datas recibíronse numerosas peticións de concellos que, por diferentes motivos, non entraron nesta primeira convocatoria. Para atender esta demanda a Deputación de Pontevedra decidiu abrir unha nova e última convocatoria no mandato para adherirse ao plan e acceder á liña 1 de subvencións, ao ser materialmente imposible atender máis concellos na liña 2 de subvencións económicas.

Segundo explicou no seu momento o vicepresidente Mosquera esta é a última vez que se dá esta posibilidade de adhesión, posto que a Deputación “xa está ao límite das posibilidades de persoal”.

A Deputación ten instalados en 21 concellos 54 centros de compostaxe con 377 unidades modulares que funcionan perfectamente e contan con todos os parabéns das veciñas e veciños que participan no proceso. De cara a futuro, a institución provincial tamén vai mercar outros tres lotes de diferentes composteiros: individuais, comunitarios e de terraza ou balcón.

Anuncios