Anuncios
Ticker de novas

ADOS chama aos cidadáns a doar sangue ante a primeira ponte festiva de decembro

FOTO: PEPE COSTAS

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convida a todos os cidadáns a doar sangue nas xornadas previas á primeira ponte festiva do mes de decembro. ADOS salienta que, nestes momentos, precísase incrementar o volume de doazóns dos tipos A Negativo, B Positivo e Cero Negativo, xa que, no transcurso das últimas semanas, detectouse un aumento das necesidades destes grupos sanguíneos. Neste sentido, lembrar, ademais, a importancia da necesidade de incrementar nos vindeiros días o número de doazóns do grupo Cero Negativo, popularmente coñecido como doador universal.

Os períodos vacacionais e as pontes festivas precisan dun reforzo no chamamento á participación dos cidadáns xa que, nestes períodos, pode baixar o número de doazóns pero non sucede o mesmo coa demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos centros hospitalarios. Neste sentido, lembrar que, todos os días do ano, precisamos entre 400 e 500 doazóns de sangue para garantir a axeitada de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais.

Desprazamentos

As dez unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, visitarán ata o vindeiro 9 de decembro, ao redor de 25 concellos galegos para acadar a participación necesaria para garantir o desenvolvemento do intenso labor asistencial dos centros sanitarios galegos.

ADOS agarda, nesta oportunidade, contar de novo coa solidariedade e colaboración dos cidadáns e efectuará os seguintes desprazamentos:

Captura de pantalla completa 05122017 53215

Ademais, tamén existe a posibilidade de doar sangue nos puntos fixos de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas.

Captura de pantalla completa 05122017 53253

Como colaborar

Pode doar sangue calquera persoa de máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a súa vida.

Para máis información, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue dispón de páxinas nas principais redes sociais (Facebook e Twitter), unha páxina web: ados.sergas.es e tamén é posible chamar ao teléfono gratuíto de información para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles: 900 100 828.

Anuncios