O Vincios gaña ao Arteal no derbi galego de Superdivisión

FOTO: AD VINCIOS // Rodrigo Gilabert e Diogo Silva.

Este venres disputouse o primeiro derbi galego entre o Vincios e o equipo do Arteal de Santiago de Compostela, equipo con aspiracións a ser campión de liga e que ata esta xornada permanecía invicto. Esta é a primeira vez que o Vincios vence ao equipo santiagués na liga oficial de Superdivisión, supoñendo un paso máis no crecemento do equipo gondomareño.

Nunha sala moi animada polos afeccionados locais, comezou o encontro entre o base do Vincios, Pryshchepa, contra o xogador de dobre nacionalidade hispano arxentino Rodrigo Gilabert, cun claro resultado de 3-0 a favor do xogador local. Despois enfrontouse Diogo Silva contra o xogador croata do equipo de Santiago, Miho Simovic, ao que acabou vencendo por 3-1, grazas a un comezo moi intenso por parte do xogador gondomareño que arroiou ao xogador croata cunha parcial inicial de 10-0.

Con este parcial a favor do Vincios por 2-0, enfrontouse Moisés Álvarez contra o xogador base dos santiagueses, o portugués Enio Mendes, que nun primeiro set moi disputado caeu 10-12 a vantaxes ao lado do portugués. No segundo set, con gran apoio da afección, igualou a contenda o xogador local, tamén a vantaxes, 14-12, pero o encontro acabou finalizando 3-1 ao lado do Arteal, con parciais de 11-8 e 11-3.

Tocáballe a quenda a Diogo e Gilabert, dous xogadores que se coñecen moito, co que o encontro foi moi tenso e con puntos moi rápidos e espectaculares que fixeron as delicias do público. O encontro concluíu con 3-1 a favor de Diogo, que poñía o resultado global en 3-1, facendo que público puidese soñar cunha primeira vitoria sobre o equipo santiagués, un dos equipos máis consolidados e fortes da liga española, e referente a nivel galego.

O encontro definitivo empezou cun parcial en sets de 2-ou a favor de Pryshchepa sobre Enio, pero cunha gran reacción deste último lograba igualar a contenda 2-2. No quinto e definitivo set vencía Enio 6-2, momento en que Pryshchepa, levado polo aire pola afección, despregou os seus mellores golpes e tirando de carácter igualou o set a 6 puntos para acabar vencendo 11-9, e gañar o seu encontro por 3 sets a 2, o que proporcionou a vitoria ao equipo local do Vincios por 4-1 sobre o Arteal. Unha vitoria, que por inesperada, sabe moi ben.