Bai.senpulgas duplica en 2017 o número de animais recollidos e suma case 48.000 € de gasto

FOTO: BAI.SENPULGAS // Paseo perruno de Bai.senpulgas.

A protectora de animais Bai.senpulgas fai balance do que vai de ano e as cifras son abafadoras. Desde xaneiro ata o 1 de decembro, recolleron un total de 237 animais, 82 gatos e 155 cans, nos municipios de Baiona, Nigrán, Gondomar, Oia, Tomiño, Vigo, A Guarda, Redondela, Porriño, Tui e Salvaterra de Miño. “11 meses de duro traballo sen axuda das institucións. Soamente o Concello de Santa María de Oia axúdanos na recollida do seu concello”, lembran desde a entidade.

Todos os animais son posteriormente entregados identificados, desparasitados, vacinados, esterilizados, educados, operados de tumores, patas rotas, probas de corazón, analíticas, etc., “un gran gasto que somos capaces de soportar grazas a todos vós e sen axuda de ninguén máis”, destacan a través das redes sociais. “Grazas a todos vós, persoas do montón que deixan os seus soldos, tempo e saúde para que isto funcione, é grazas a vós que a protectora siga funcionando. Parabéns xente do pobo”.

Despois de calcular os gastos deste ano da protectora, só en temas veterinarios e o mantemento da leira onde fan o seu labor, a suma é de 47.735,95€, “que o soportastes todos vós. Descontamos 1.400€ que recibimos do Concello de Oia. Nada de Baiona, Nigrán e Gondomar”, recalcan desde Bai.senpulgas.

O ano pasado os gastos foron 21.000€. “Este ano dobramos animais recollidos e por tanto esta facturación. Todo isto conseguístelo vós. Grazas de verdade e de corazón”, conclúen desde a protectora.

Todo aquel que queira colaborar con Bai.senpulgas pode facelo na conta ABANCA ES30 2080 5015 6130 4002 8917, indicando nome completo e DNI.

Anuncios