A Asociación Española contra o Cancro atende a un centenar de enfermos no Val Miñor

O Parador de Turismo “Conde de Gondomar” de Baiona acolleu na noite de onte unha cea baile en beneficio da Asociación Española contra o Cancro do Val Miñor, que preside Jose Luis Chamorro. Tras os aperitivos, un centenar de comensais gozaron da marabillosa cea, composta por ensalada tépeda de vieiras e lagostinos con vinagreta de piñóns, secreto ibérico con crema de cabazas e ceboliñas caramelizadas e piña natural ao ron e xeado de vainilla, para logo dar paso ao sorteo dunha noite para dúas persoas en calquera dos Paradores de Turismo de España. A guinda da reunión púxoa o Trío Xtra, quen coa súa música animou a festa ata altas horas da madrugada.

Entre os asistentes estivo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, os alcaldes de Baiona e Gondomar, Ángel Rodal e Paco Ferreira, e María José Crespo Amigo, presidenta da Xunta Provincial de Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro, así como concelleiros e representantes doutros grupos políticos dos tres municipios da comarca e de Oia.

O 20% do recadado destinarase a investigación, mentres que o 80% restante servirá para desenvolver a obra social da entidade, en axuda aos enfermos de Baiona, Gondomar, Nigrán e Oia, que na actualidade son arredor dun centenar.

“Nós entre todas as actividades que facemos a parte de axuda a pagar os medicamentos, a poñerlle un soldo mesmo a xente que está en paro e non ten para chegar a final de mes, desde prestarlle camas especiais, perrucas, a por exemplo, persoas que tiveron algunha patoloxía de garganta, somos o único centro que hai por aquí para ensinarlles a volver falar”, subliña o presidente, Jose Luis Chamorro.

“Damos todo o apoio que podemos, mesmo acompañar aos pacientes nos hospitais de noite, con persoal noso, e apoio psicolóxico, é ao que se dedica a Asociación. Todos estes eventos son para recadar fondos para ese fin”, conclúe Chamorro.

Os interesados en colaborar coa Asociación Española contra o Cancro do Val Miñor ou todo aquel que queira contactar coa entidade pode facelo chamando ao teléfono 649 555 282.

 

Anuncios