Gondomar acolle este domingo o III Memorial Secundino Pérez Sanromán

Este domingo 3 de decembro, ás 17:00 horas no Auditorio Lois Tobío, celebrarase o III Memorial Secundino Pérez Sanromán. Este acto é unha homenaxe ao profesor e gaiteiro Secundino Pérez Sanromán dos que foron os seus alumnos e alumnas nos grupos que grazas a el, tamén, se foron fundando no Val Miñor. Este memorial vense organizando desde o ano 2015.

Natural de Chandebrito, Secundino Pérez Sanromán foi un músico vocacional e autodidacta que se dedicou ao ensino da nosa música tradicional durante máis de corenta anos. Chegou ser un referente da música tradicional galega, gaiteiro, saxofonista, mestre de varias xeracións de músicos, compositor, é unha persoa inesquecible para todas e todos os que tiveron a oportunidade de aprender con el.

Por iso, como lembranza e recoñecemento, os que un día foron os seus alumnos e alumnas veñen organizando esta homenaxe que cada ano organiza un dos grupos en que el foi mestre.

Nesta edición de 2017, correspóndelle a organización do acto ao CCV de Peitieiros, sendo o anfitrión o grupo Ecos e Agarimos. O acto conta tamén coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Gondomar.

O memorial celebrarase no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, a partir das 17:00 horas, e nel participarán: Ecos e Agarimos de Peitieiros, Breogán Valle Miñor, O Castro de Chandebrito, Novos Aires de Couso, A Merced de Chaín, Aires de Santes de Vincios e Ardelume de Baíña.

Anuncios