Carlota Corredera: “Emocióname como viguesa ver o xenerosa que é a xente da miña cidade”

FOTO: BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO // Carlota Corredera no Froiz de Navia.

A madriña da Gran Recollida Solidaria (GRS2017) da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, Carlota Corredera, sinalou hoxe que “me emociona como viguesa ver o xenerosa que é a xente da miña cidade”.

A presentadora de televisión estivo hoxe, como unha voluntaria máis e enfundada no seu chaleco da ONG, recollendo alimentos na quenda de mañá do supermercado Froiz situado en Navia. Durante a súa presenza na superficie comercial, Corredera estivo a recibir produtos de primeira necesidade, clasificándoos e axudando en todas as tarefas encomendadas.

A xornalista viguesa viviu en primeira persoa a solidariedade dun bo número de vigueses que foron entregándolle distintos alimentos co que o Banco de Alimentos pretende paliar o desabastecemento actual dos seus almacéns.

Corredera quixo facer un agradecemento especial a todos os voluntarios, “aos de sempre e aos que se apuntaron por primeira vez” e aproveitou para facer un chamamento a máis solidarios para que axuden nos labores de clasificación, despois da GRS2017. “Pídolles a todos, sobre todo, aos mozos que se impliquen porque haberá que clasificar moitos alimentos”, sinalou.

A xornalista recoñeceu sentirse encantada con poder botar unha man in situ na súa cidade e mostrou a súa confianza en, polo menos, que se poida alcanzar a cifra de 310.000 quilos de alimentos recollidos na pasada edición.

Desenvolvemento da GRS2017

A acción solidaria máis importante para a ONG pola súa envergadura e loxística, está a desenvolverse sen incidencias destacables desde onte venres e seguirá levándose a cabo todo este sábado.

A GRS2017 está a celebrarse nuns 155 hipermercados e supermercados de Vigo e Pontevedra, así como das comarcas do Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés e Deza, durante o horario comercial de cada superficie. Na mesma están a participar uns 2.000 voluntarios mobilizados por toda a provincia.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, creada en 1995, é unha entidade benéfica independente, apolítica, aconfesional e sen ánimo de lucro cuxo principal obxectivo é axudar ás persoas máis desfavorecidas.

Durante 2016, a ONG repartiu máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015. Xa nos seis primeiros meses de 2017, entregáronse preto de 1,2 millóns de quilos de alimentos na provincia de Pontevedra.

Os antecesores de Corredera como embaixadores do Banco de Alimentos foron Fernando González, Gonzo, (GRS2016), María Castro (GRS2015), Luis Tosar (GRS2014) e Borja Oubiña (GRS2013).

Anuncios