Anuncios
Ticker de novas

O GALP non debería usar “Ruta dos Faros”

FOTO: PEPE COSTAS // Faro de Cabo Silleiro.

Hai 5 anos, en decembro do 2012, saiamos catro amigos de Malpica coa ilusión de unir esta poboación con Fisterra polo bordo do mar. Era a época en que Turismo da Xunta tiña como publicidade “faite prescritor da túa terra”.

Comezamos a andar e, en poucos días, démonos conta de que estabamos ante algo extraordinario e un recurso de primeira orde para o turismo da Costa da Morte. Unha vez unido había que testarlo e convocamos á xente polas redes sociais, comezando un movemento social que chegou ata os nosos días. En decembro do 2013 creouse a asociación e días máis tarde rexistrouse a marca “Camiño dos Faros” para defender o proxecto de calquera que quixese aproveitarse. Aínda non era da importancia que é agora, pero nós rexistrámolo porque cremos no proxecto desde o minuto 0.

Naqueles tempos era cando o GALP (Grupos Acción Local Sector Pesqueiro) subvencionaba proxectos millonarios, o mesmo para cada concello e sen conexión entre eles, onde as palabras dinamización, promoción e posta en valor eran as palabras que máis aparecían. Destes proxectos, a día de hoxe, non queda absolutamente nada.

Nestes 5 anos de desenvolvemento do proxecto O Camiño dos Faros, o GALP non se puxo en contacto en ningún momento connosco. Inventamos unha ruta das mais espectaculares que existen en Europa, e promocionámola sen apenas recursos, co traballo voluntario de centos de persoas, poñéndoa no circuíto de rutas de sendeirismo e atraendo a xentes de todo o mundo. Un traballo altruísta dunha sociedade que quere á súa terra e quérella ensinar a todo o mundo.

E, chegado a este punto, cando O Camiño dos Faros (tamén coñecido como Ruta dos Faros) está presente e é coñecida no ambiente sendeirista europeo, chega o GALP e sácase da manga unha “Ruta dos Faros de Galicia”, que percorrerá en coche todos os faros de Ribadeo ata Tui, e que foi presentada onte en Santiago.

Non hai que ser moi listo para darse conta de que é unha marca que causa confusión co noso proxecto, como así resolverá no seu momento a Oficina de Patentes e Marcas. Unha procura en Google do termo “Ruta dos Faros” xa indica claramente quen é coñecido en toda Europa con ese nome. Parece mentira que un ente tan grande téñase que aproveitar da marca creada e un proxecto tan ambicioso non sexa capaz de promocionarse cunha marca propia, pero así é.

Por iso, exercemos o noso dereito de oposición á marca (23 de Agosto) e enviado un burofax ao GALP (10 de Novembro):

En razón do exposto, da indubitada titularidade rexistral por parte do noso representado dese signo distintivo, do seu dereito ao uso pacífico, exclusivo e excluínte da denominación “O CAMIÑO DOS FAROS” e do seu dereito para impedir que signos idénticos ou similares -como resulta o presente- poidan inducir, deliberadamente ou non, a confusión de clase algunha no mercado, e para os efectos de que en suposto algún poida Vd. aducir ignorancia ou descoñecemento da propiedade da marca constituída pola expresada denominación, requirímoslle formalmente para que se avenga aos seguintes termos:

PRIMEIRO.- Para que no prazo de 15 (QUINCE) días, a contar desde a data de recepción da presente, acredite título preferente, que lle lexitima para o uso comercial da denominación “RUTA DOS FAROS”.

SEGUNDO.- Para que se dea por persoal e directamente advertido da existencia previa e anterior en España da marca citada, cuxo titular rexistral é o noso representado.

TERCEIRO.- Para que no caso de que non acceda a acreditar, ou accedendo non poida, a lexitimidade de uso e utilización da denominación citada, o cesamento inmediato na utilización da devandita denominación, procedendo á retirada dos produtos, material publicitario, rótulos e demais en que se consignara.

No ánimo do noso representado está o liquidar este conflito de forma amigable, máis se vostedes optasen por omitir o seu contido, o noso representado queda lexitimado para iniciar as actuacións xudiciais, de calquera natureza, en defensa dos seus dereitos.

Este Burofax foi contestado no día de onte (28 de novembro) indicando que van seguir para adiante ata que resolva a Oficina de Patentes e Marcas.

Nós non queremos crear confusión e ruído sobre unha marca que tanto traballo custounos levala ata aquí. E sabemos que somos uns simples trasnos contra a maquinaria do GALP. Pero aínda así, sendo tan pequeniños, temos os nosos dereitos e ímolos a exercer. Gustaríanos dedicar o tempo para seguir crecendo co noso proxecto e non perder horas valiosas da nosa vida en pelexarnos cos veciños, pero non nos deixaron outra alternativa.

Asociación O Camiño dos Faros

Anuncios