Nigrán axardina as dúas rotondas de entrada á parroquia de Panxón

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Operarios axardinan a situada na Avenida Castelao.

O Concello de Nigrán rematará esta semana o axardinamento da rotonda de Panxón situada na Avenida Castelao, que se suma á ornamentada meses atrás na Estrada Pola Vía, tamén no acceso a esta parroquia. Ambas as dúas permanecían sen ningún tipo de arranxo pese a estar situadas en dous puntos neurálxicos do municipio, especialmente nos meses de verán, cando se desprazan cara as praias milleiros de bañistas.

«É unha actuación sinxela pero que reverte directamente na imaxe que proxectamos como municipio», valora o alcalde, Juan González.

Así, operarios municipais e da empresa Brocoli, adxudicataria do mantemento de zonas verdes do Concello, axardinan dende esta semana a situada na Avenida Castelao, de 10 metros de diámetro. Un gran magnolio de 8 metros de altura e forma piramidal preside xa esta rotonda flanqueada a súa vez por dez grandes setos de buxo. A superficie será cuberta por céspede e se incluirá iluminación ornamental, aínda que aproveitando o Nadal as protagonistas serán as luces decorativas que se instalarán estas datas no magnolio.

A actuación se completa co axardinamento realizado meses atrás na situada en Estrada pola Vía, de 8 metros de diámetro e que tamén permanecía simplemente en formigón impreso. Esta foi axardinada con céspede e un gran cedro pendular de tres brazos, ademais de dotárselle de iluminación ornamental.

Anuncios