Andrés Abal dá o salto co Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: PUROCICLISMO // Andrés Abal.

O persoal Elite e Sub23 do Club Ciclista Rías Baixas iniciou os adestramentos para a próxima tempada e unha das caras novas na entidade presidida por José Luis Chamorro será Andrés Abal. Procedente da Fundación Óscar Pereiro, este corredor nado na localidade pontevedresa de Bueu estrearase no 2018 no campo amateur. A súa incorporación responde á decidida aposta pola mocidade do renovado proxecto miñorano.

Abal iniciouse no ciclismo formándose na estrutura da Escola de Ciclismo Redondela e no seu segundo ano como júnior militou na Fundación Óscar Pereiro. Co conxunto de Mos logrou impoñerse no Trofeo Concello de Touro – Camiño do Holandés e obtivo a segunda posición no GP Vigo – Díptico Galicia. O seu rendemento levouno a ser convocado pola Selección de Galicia.

O bueuense dá agora o salto para competir na antesala do profesionalismo. «Decanteime polo Club Ciclista Rías Baixas porque se trata dun gran equipo que me ofrece unha oportunidade moi interesante», comenta Abal, que leva varias semanas acumulando traballo de pretempada. Na súa primeira experiencia no pelotón Elite e Sub23 espera «adaptarme ben a esta nova categoría».

Esta fichaxe súmase á do tamén galego Rafael Pereira e á chegada como novo director deportivo do salmantino Iván Rodríguez. Unha vez confirmado que o Club Ciclista Rías Baixas volverá ser o próximo ano uno dos equipos oficiais da Copa de España, a directiva da formación do Val Miñor seguirá desvelando nas próximas semanas os nomes dunha nómina de reforzos que rolda a decena.