A Policía Local de Gondomar fórmase en soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática

Organizado polo Concello de Gondomar, nas dependencias da Policía Local realízase durante esta semana un curso de soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática (DESA), coa colaboración de EUROCARDIO impartido por Saturno Ferreira Couñago, instrutor en técnicas de resucitación cardio-pulmonar e DESA, técnico de emerxencias sanitarias cunha contrastada experiencia no servizo público.

Este curso intégrase no proxecto formativo da Xefatura de Policía Local e está destinado aos membros das forzas e corpos de seguridade da Policía Local, Garda Civil e axentes medio ambientais, así como aos funcionarios municipais responsables das instalacións que posúen equipos DESA.

O curso habilita a estes profesionais da seguridade, -os primeiros en chegar ao lugar dos sinistros-, no uso destes dispositivos computarizados que poden salvar a vida a vítimas de un paro cardíaco súbito. Ademais estes funcionarios/as recíclanse en técnicas de recoñecemento de vítimas, cadea de supervivencia, obstrución da vía aérea e reanimación cardio-pulmonar RCP.

De tal xeito, que os corpos de seguridade nos seus servizos diarios poidan ofrecer un plus de asistencia e socorro á cidadanía ante estas emerxencias previo á chegada dos servizos sanitarios.

Anuncios