A FIM cualifica o Trial das Nacións de Baiona como un dos máis bonitos da historia

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Toni Bou no Trial das Nacións.

A FIM -Federación Internacional de Motociclismo- emitiu un comunicado oficial no que felicita á Peña Moteros Val Miñor pola organización do Trial das Nacións, do pasado mes de setembro, na vila de Baiona.

A máxima entidade do mundo das dúas rodas cualifica na súa misiva o evento como un dos máis bonitos da historia da FIM no desenvolvemento do Trial das Nacións.

“Este recoñecemento significa para nós un impulso para seguir facendo máis cousas e non desistir, deixando á nosa terra e as nosas xentes no máis alto do pedestal, coa organización dun evento de recoñecido prestixio internacional”, comenta José Durán, presidente da Peña Moteros Val Miñor. “Grazas a todos os que o fixeron posible. Ás institucións, aos patrocinadores, aos colaboradores, pero sobre todo a todos os nosos socios e amigos”, termina dicindo un emocionado Durán.

Pola súa banda, o máximo rexedor da vila de Baiona, Ángel Rodal, mostra a súa enorme satisfacción pola felicitación da FIM, “sobre todo porque a Peña Moteros Val Miñor merécella, pola súa entrega, capacidade de organización e unión desde a sinxeleza, facendo grande un evento e polo tanto ao noso pobo”. “Hai que destacar que Baiona posicionouse no mapa mundial dos grandes eventos do motor, sendo ponte entre París e Croacia, algo incrible”, termina dicindo Rodal.

O Trial das Nacións disputouse os pasados días 23 e 24 de setembro, concorrendo á cita intercontinental unha vintena de países cos mellores pilotos do mundo, sendo España a vencedora absoluta en categoría feminina e masculina.

A carta, asinada por Thierry Michau, Comisionado de Trial da Federación Internacional de Motociclismo, pecha de maneira brillante un ano extraordinario para a Peña Moteros Val Miñor.