Nigrán súmase ao Centro Juan María para festexar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Concello de Nigrán colabora un ano máis co Centro Juan María de Parada para festexar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que ten lugar o domingo 3 de decembro co lema “Baixo o mesmo paraugas”. Así, responsables e usuarios do centro entregaron hoxe ao alcalde de Nigrán carteis e paraugas verdes alusivos á campaña (que quedaron colgados no balcón da Casa Consistorial). Durante esta semana visitarán os centros educativos do Val Miñor e o xoves e venres repartirán máis de 300 pequenos paraugas de fieltro que elaboraron eles mesmos co obxectivo de regalar á xente a cambio de que lles entregue «desexos» sobre a discapacidade. As actividades desta semana conclúen o domingo na explanada do Náutico de Vigo, onde se celebrará a «gran paraugada» na que participan máis dunha decena de entidades de toda a comarca.

Desde 1992, cada 3 de decembro celébrase mundialmente o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Este ano céntrase en promover os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable necesarios para acadar o futuro que queremos e en destacar o papel que desempeñan estes obxectivos recentemente establecidos na construción dun mundo máis inclusivo e igualitario.

Anuncios