Delta Vigo asina a compra de dúas novas parcelas en Porto do Molle para ampliar a súa macroplanta

“Desde logo, este é un polígono talismán” repetiu Teresa Pedrosa ao saudar ao presidente de Delta Vigo no acto de firma da venda de dúas novas parcelas nas que a empresa xa prevé ampliar a macroplanta que se inaugurará no primeiro trimestre do ano que vén. Coa compra de máis de 15.000 metros cadrados de chan, a empresa de compoñentes aeronáuticos de alto valor engadido, dispoñerá en Nigrán de 40.454 metros cadrados desde onde atender a inxente carga de traballo proveniente tanto do sector automoción como o aeronáutico.

En outubro de 2015 Delta Vigo foi a adxudicataria de tres parcelas en Porto do Molle que supuxeron unha superficie conxunta de 22.800 metros cadrados e, en menos de dous anos, hoxe adquiriu dúas novas parcelas, contiguas ás anteriores, que miden uns 7.700 metros cadrados cada unha. De acordo á proposta de adxudicación da mesa de contratación da Zona Franca, o prezo conxunto das dúas novas leiras será de 1.878.543 euros.

Para Teresa Pedrosa a firma é o reflexo palpable de que o parque empresarial de Porto do Molle consegue a atracción de talento e de empresas cun alto nivel de especialización. “A realidade é que en cinco anos conseguimos que se instalen en Nigrán máis de 110 empresas e que xa xeran preto de mil postos de traballo” sinalou a delegada.

Con esta compra, Delta Vigo reforza a súa aposta por Nigrán onde xa se deseña a ampliación da gran nave destinada á construción de compoñentes aeronáuticos de alto valor engadido e onde se desenvolverán procesos de enxeñería, fabricación, montaxe, control de calidade e ensaios de materiais, embalaxes e expedicións. A superficie conxunta das novas parcelas supera os 15.000 metros cadrados e súmanse aos 22.800 metros cadrados xa adquiridos no ano 2015.

A empresa adxudicataria, Delta Vigo, foi fundada en Vigo en 1947 e ofrece solucións de enxeñería para a industria, especialmente nos campos da aeronáutica, a defensa e a automoción. As novas instalacións en Porto do Molle traballarán para o sector aeronáutico. Delta Vigo ten a súa sede principal noutra das áreas empresariais da Zona Franca, o Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo (PTL). Tamén ten instalacións na estrada de Peinador preto do aeroporto de Vigo e na localidade toledana de Illescas.