UCN lamenta o atraso na presentación do borrador do orzamento para o ano 2018

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Antonio Fernández Comesaña, voceiro de UCN, nunha sesión plenaria.

O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, lamenta o atraso por parte do goberno local na presentación aos grupos da oposición do borrador do orzamento para o exercicio 2018 incompleto (sen plan de investimentos, informes, nin cadro de persoal), despois do intento errado do pasado verán, cando se presentou tamén o borrador para o ano 2017, “que finalmente non pasou dunha mera reunión de portavoces, para logo terminar arrinconado no baúl dos recordos, e ter que funcionar cun orzamento prorrogado do ano 2016, coas súas dificultades e limitacións, poñendo de manifesto unha falta de capacidade de xestión moi preocupante, polo que esperemos que en está ocasión non suceda o mesmo”.

UCN lembra que xa advertiu ao alcalde no seu momento, que ao ser incapaz de aprobar as contas do ano 2017, polo menos presentase en prazo, é dicir antes do 15 de outubro, tal como establece o art. 168.4 da Lei de Facendas Locais 2/2004, do 5 de marzo, o orzamento do ano 2018, e por unha vez poder aprobar as contas antes de que finalice o exercicio, “pero polo que se ve, unha vez máis resulta imposible, e teremos que conformarnos -no mellor dos casos-, poder telo aprobado definitivamente dentro o primeiro trimestre”.

UCN aínda sendo consciente do flagrante incumprimento dos compromisos políticos asumidos por parte o alcalde Juan González e dos consensos alcanzados na aprobación das contas do ano 2016, que contaron co apoio deste grupo, “imos participar e facer propostas en positivo, pero esperamos un cambio de actitude por parte do alcalde, e unha maior responsabilidade e implicación na xestión municipal, porque o feito de invocar permanentemente diálogo, participación, consenso, transparencia etc., é unha cousa moi positiva, pero de converterse en slogan de propaganda, pode resultar perverso”.

Fernández Comesaña, lamenta que o goberno local renuncie á compra dunha parcela no polígono de Porto do Molle para a construción do almacén municipal -sumamente necesario-, a pesar de que xa dispón en caixa dun préstamo sen interese da Deputación por máis de 300.000€, “que moito nos tememos poida ser destinado a financiar a achega municipal da futura biblioteca, circunstancia que motivará o cambio de finalidade do préstamo, polo que precisará da preceptiva autorización da Deputación Provincial”, conclúe o portavoz de UCN.

Anuncios