De la Gándara lidera a vitoria do Okofen na Liga de Outono AXA J80

O Okofen de Javier de la Gándara asinou esta tarde en Baiona a clausura dunha espectacular tempada de regatas coa vitoria na Liga de Outono AXA J80, un triunfo que suma aos logrados este ano na Liga de Inverno, o Trofeo Conde de Gondomar e o Trofeo Príncipe de Asturias, no que tamén levou o título de mellor barco J80 da tempada.

Aos seus 58 anos, o histórico regatista vigués segue demostrando que o que tivo, retivo, e que sobre a auga, a bordo dun J80, hai moi poucos patróns capaces de facerlle fronte. Tentouno, nesta última edición da liga outonal de monotipos, o comodoro do Monte Real, Nano Yáñez, quen á cana do Cansino logrou adiantar ao Okofen na penúltima xornada, pero que finalmente tivo que conformarse cun meritorio segundo posto.

Okofen e Cansino foron, sen dúbida, os dous veleiros destacados na Liga de Outono AXA J80, unha competición que finalizaron a apenas un punto de distancia un do outro, levándose o ouro e a prata respectivamente. O Ferralemes de Enrique Porto, mellor barco no últimas tres probas celebradas esta tarde en Baiona, mantivo a terceira posición que arrastraba desde a etapa anterior e fíxose co bronce da liga.

O Marías – Casas do Telhado de Manuel María Cunha; o Namasté de Luis de Mira, patroneado hoxe por Javier Torroja, e o Luna Nueva de Juan Luis Tuero quedaron cuarto, quinto e sexto respectivamente. Completan a clasificación de Meltemi de Guillermo Blanco, o Pazo de Cea de María Campos, que tivo a Willy Camaño hoxe á cana; o Miudo by Storax tripulado por adestradores e alumnos da Escola de Vela do Monte Real; o Mondo de Bernardo Macedo; o Cormorán II de Yago González- Robatto; La Galera de Diego Carral e a SND Cormorán de Francisco J. Martínez.

Tras a disputa na auga, as instalacións do Monte Real Club de Yates, club organizador do campionato, acolleron a entrega de premios aos gañadores. Celebrouse no marco dunha cea de confraternización á que asistiron as tripulacións participantes, membros da xunta directiva do club e representantes de AXA Seguros, patrocinador da competición, co director da Fundación AXA, Josep Alfonso, á cabeza.

Coa liga de Outono AXA J80, o Monte Real Club de Yates pon punto e final á súa tempada deportiva do 2017, que incluíu a celebración de 11 trofeos, dous deles específicos para a clase J80. Os monotipos, encargados de clausurar o ano vixente, volverán ter un gran protagonismo en 2018, inaugurando a tempada coa Liga de Inverno e coa celebración do Campionato de España da clase, que o Monte Real organizará, por delegación da Federación Española de Vela, do 27 de abril ao 1 de maio.

CLASIFICACIÓN FINAL LIGA DE OUTONO AXA J80

1. OKOFEN • Javier de la Gándara • 14 puntos
2. CANSINO • Fernándo Yáñez • 15 puntos
3. FERRALEMES • Enrique Porto • 17 puntos
4. MARIAS – CASAS DO TELHADO • Manuel María Cunha • 24 puntos
5. NAMASTE • Luis de Mira • 31 puntos
6. LUNA NUEVA • Juan Luis Tuero • 31 puntos
7. MELTEMI • Guillermo Blanco • 41 puntos
8. PAZO DE CEA • María Campos • 43 puntos
9. MIUDO BY STORAX • Carlos Hernández • 45 puntos
10. MONDO • Bernardo Macedo • 54 puntos
11. CORMORAN II • Yago González-Robatto • 54 puntos
12. LA GALERA • Diego Carral • 60 puntos
13. SND CORMORAN • Francisco Martínez • 76 puntos

 

Anuncios