
Máis dun cento de establecementos do municipio «vestirán» dende mañá venres os seus escaparates de negro en sinal de loito polas vítimas de maltrato dentro da campaña “Nigrán en negro” promovida dende o Concello. Tamén co obxectivo de conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, ás 10:30 horas de mañá venres todo o persoal do Concello de Nigrán gardará un minuto de silencio polas vítimas ante a Casa Consistorial.
Ao día seguinte, sábado 25, coincidindo coa data da celebración, o Auditorio Municipal acollerá ás 18:00 horas un obradoiro de igualdade destinado ás crianzas e ás 20:00 horas o concerto de Mr.Happy, banda liderada pola cantante Isis e que realiza versións de clásicos do soul, rock ou funk, moitas delas cancións míticas de Aretha Franklin ou Amy Winehouse. Será tamén o sábado, antes do concerto, cando se lea no Auditorio o manifesto deste ano.