O goberno de Nigrán busca acordar un orzamento de 15 millóns para 2018

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Nigrán.

O goberno de Nigrán entregou aos diferentes representantes da corporación un borrador dos orzamentos para 2018 no que se dá prioridade aos Servizos Sociais e no que, entre outras cuestións, resérvase unha partida específica para a construción da nova biblioteca (1.849.000 €). Así, o importe total das contas pasa dos 13.609,581 € de 2016 a 15.120.540 € en 2018, aos que habería que engadir 960.000 € do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra (suporía un montante final de 16.080.540 €).

Fiel á súa política de transparencia, o alcalde entregou o documento aos demais partidos representados no Pleno co obxectivo de acordar as contas e poder aprobalas antes de que remate o ano. Acorde co carácter progresista do goberno local, unha vez máis se dá preferencia á atención ás persoas incrementando os investimentos en Asuntos Sociais, Accesibilidade, Fomento do Emprego ou Educación. Así, todas estas partidas soben considerablemente respecto a 2016, pasando a destinada ás axudas de Emerxencia Social de 15.000 a 20.000 € (significa un 300% máis respecto a 2015); obras de “Accesibilidade” (tanto física como cognitiva) dentro do proxecto “Un Nigrán para todos” de 25.000 a 75.000 €, Educación de 30.000 a 45.000 € (supón un 50% máis que o orzamento de 2016, cando pasou dos 11.000 € de 2015 a 30.000 e reverterá directamente nas obras de mantemento dos centros); programa de Axuda a Domicilio de 165.000 a 185.000 € (12% máis)… Ademais, apóstase pola continuidade do servizo de atención á veciñanza radicado no consistorio e creado por este goberno hai dous anos co obxectivo de ofrecer un trato directo ao cidadán, polo que por vez primeira se reservan para esta cuestión 50.000 €.

A maiores, tamén dentro do proxecto “Un Nigrán para todos”, o goberno reforza a súa cooperación co Centro Juan María mediante un plan de emprego que suporá a contratación de dous traballadores a media xornada de luns a venres dedicados á limpeza de zonas verdes, sendo un investimento total de 35.000 € fronte aos 18.000 € de 2016. O goberno aposta deste xeito pola integración laboral das persoas que teñen máis dificultades para acadar un emprego.

Paralelamente, refórzanse a través destas contas as accións encamiñadas ao fomento do emprego en xeral aumentando o investimento un 75%, de 40.000 € a 70.000 €.

O coidado do Medio Ambiente é tamén unha prioridade do Concello, polo que se reflexa no borrador subindo a partida de 15.000 a 20.000 € (un 33% máis); o mesmo sucede co eido da Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM) pasando de 10.000 a 15.000 €.

“Cremos que, coa colaboración do resto de grupos, podemos acadar unha vez máis entre todos as mellores contas para Nigrán, situando o benestar das persoas como eixo prioritario da política local e suplindo o escasísimo investimento da Xunta en aspectos tan importantes como a Educación”, resume González.

Anuncios