Sin categoría

O Monte Real amplía a súa oferta de actividades para 2018

O Monte Real Club de Yates volverá ser, en 2018, un dos clubs náuticos españois cunha maior actividade nas súas instalacións, tanto deportiva, como formativa e de lecer. Ao seu calendario para o próximo ano, no que xa hai fixadas 14 competicións, algunhas tan importantes como o Trofeo Conde de Gondomar, o Trofeo Príncipe de Asturias, o Campionato de España de J80 ou a internacional Baiona Angra Atlantic Race, hai que sumarlle agora unha nova oferta de actividades.

Trátase do programa “Team Sailing”, co que o club baionés busca ampliar as posibilidades que ofrece o mundo da vela máis aló da navegación lúdica ou a participación en regatas. A través de seis propostas diferenciadas, o Monte Real pretende achegarse a sectores non relacionados directamente coa náutica, para darlles a coñecer todos os beneficios que esta pode ofrecerlles, tanto a nivel persoal como profesional.

Vivir a experiencia dunha regata, participar nunha competición para coñecer as Illas Cíes ou descubrir Baiona en veleiro son as tres propostas do programa “Team sailing” que teñen un carácter máis lúdico. A outra metade da oferta aséntase en elementos formativos moi relacionados co coaching, incluíndo obradoiros para empresas, sesións de team building para mellorar o rendemento ou workshops para optimizar o traballo en equipo.

As novas propostas do Monte Real no marco do programa TEAM SAILING son:

• REGATA EXPERIENCE

A actividade “Regata Experience” permite a un equipo vivir a experiencia dunha competición náutica disputando unha regata con compañeiros de traballo nunha das paraxes máis belas da costa atlántica, a vila mariñeira de Baiona.

• RACE TO CÍES

Coa iniciativa “Race to Cíes” gozarase da emoción dunha regata á vez que se visita un dos lugares máis belos do planeta e único parque nacional mariño de España, as Illas Cíes.

• DISCOVERING BAIONA

Como o seu propio nome indica, “Discovering Baiona” permitirá descubrir a beleza dunha das vilas máis fermosas de Galicia, Baiona, e facelo, ademais, non só desde terra, senón tamén desde o mar, navegando a bordo dun veleiro.

• SKIPPER COACH

O skipper, patrón do barco, é tomado como exemplo de liderado na actividade formativa de “Skipper Coach”, na que se poñen, ao servizo dos asistentes, ferramentas sinxelas, pero de alto impacto, para mellorar o rendemento de equipos e o clima laboral dentro das empresas.

• DEFINING OUR COURSE

“Se queres ir rápido, ve só. Se queres chegar lonxe, forma un equipo” é o lema do workshop “Defining our course”, no que os asistentes, mediante un enfoque práctico e inspirador, analizarán as innovacións do seu sector e redefinirán o seu rumbo persoal e o da súa empresa, aliñándoos cara a unha progresiva mellora.

• TIME MANAGEMENT

A proposta “Time management” vai dirixida, principalmente, a directivos de empresas que queiran reenfocar o uso que fan do tempo, xa que a través dela poderán adquirir ferramentas prácticas de fácil aplicación que reverterán positivamente no seu rendemento e no dos seus equipos.