Arlauckas, Corbalán e Quique Villalobos pechan o vídeo homenaxe do CB Nigrán

Figuras importantes do baloncesto como Arlauckas, Corbalán e Quique Villalobos pechan o vídeo co que o CB Nigrán quere render unha homenaxe a todas as vítimas da violencia de xénero asasinadas este ano. Os tres deportistas de elite non dubidaron en colaborar co club nigranés e enviáronlles a súa foto portando un balón de baloncesto que simboliza a cada unha das vítimas mortais desta lacra social.

Son xa varias as personalidades e representantes de diferentes ámbitos sociais que quixeron colaborar nesta iniciativa, Alba Torrens, Laura Nicholls ou Amaya Valdemoro, Eva Amaral e Juan Aguirre, compoñentes do grupo musical Amaral, a escritora Sonia Mirón, o actor Antonio Durán “Morris” ou os futbolistas Jorge Otero e Javier Maté, entre moitos outros.

Xunto a eles outros colectivos como o club Amfiv, o Basketmi Ferrol ou os claustros de profesores dos colexios Humberto Juanes, Carlos Casares, Cruz Camos, Panxón e Mallón aparecerán no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón por cada muller asasinada así como por cada un dos 7 nenos asasinados neste 2017.