Gondomar súmase á campaña “En Negro Contra as Violencias”

“Tinguir de loito Gondomar” o 25 de novembro para rexeitar a violencia contra as mulleres, é a iniciativa que a Concellería de Igualdade deste Concello, animando aos comerciantes e hostaleiros do municipio a participar na campaña de sensibilización cidadá “En Negro Contra as Violencias” que desenvolverá con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Baixo o lema “Gondomar en Negro” a Concellería de Igualdade, que dirixe a edil socialista, Nuria Lameiro, proponse tinguir de negro a vila, co obxectivo de fomentar a sensibilización cidadá contra as violencias machistas en todos os ámbitos municipais. Aqueles establecementos ou entidades que queiran unirse a esta campaña de sensibilización poderán informarse no Centro de Información á Muller (CIM). Os locais que confirmen a súa adhesión, recibirán o material promocional distribuído dende o Concello e aparecerán xeolocalizados na web da campaña http://www.ennegrocontraasviolencias.gal, entregando o Concello o material promocional.

A iniciativa pretende «vestir» de loito ao persoal dos comercios adheridos, os escaparates do comercio local e mesmo as mesas de locais de hostalaría, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia ou que faleceron por mor dela. «Dende a Concellería de Igualdade queremos mandar unha mensaxe unánime de solidariedade, e rexeitamento da violencia contra as mulleres e de denuncia aos maltratadores para que estas condutas non queden nunca impunes. Queremos que Gondomar quede libre das violencias machistas», indicou a concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro.

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres convidando aos diferentes gobernos a desenvolver actividades para sensibilizar á poboación. O Concello de Gondomar súmase ano a ano a esta petición levando adiante diferentes campañas que teñen en común o rexeitamento absoluto da violencia de xénero. Nesta ocasión, “Gondomar en Negro” quere funcionar como símbolo de dor por todas as mulleres que sofren maltrato ou son asasinadas, só dende 2003 a maio de 2017 rexistráronse 53 asasinatos machistas en Galicia e 780 en toda España.

ACTIVIDADES PARALELAS

Como complemento a esta campaña, ao longo da última quincena de novembro e parte de decembro a Concellería de Igualdade desenvolverá outras actividades, entre elas, un obradoiro de sensibilización e prevención en violencia de xénero, dirixido aos mozos e mozas, nos institutos de Educación Secundaria. A actividade dirixida ao alumnado de 4º de ESO, consistirá nunha charla coloquio no IES Auga da Laxe, os días 20, 21, 23 e 28 de novembro e no IES Terra de Turonio, os días 22, 24 e 29 de novembro.

O venres 24 ás 12:00 do mediodía lerase un manifesto na Praza do Concello.

Para fomentar a igualdade entre os cativos e cativas, a Concellería desenvolverá o 25 de novembro de 10 a 14 horas o obradoiro de igualdade “Construíndo historias non sexistas” dirixido a rapaces e rapazas de 7 a 10 anos no que se usarán as novas metodoloxías didácticas de Lego®Education para recrear unha historia. O obradoiro desenvolverase na Casa da Cultura de Gondomar. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente no CIM, posto que as prazas serán limitadas. Por outra banda, o 26 de novembro ás 18:00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío terá lugar o espectáculo “Maxia pola igualdade” a cargo da ilusionista Fani Triana.

Por último, cómpre lembrar que dende o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Gondomar (sito na rúa Portugal) ofrécese un servizo gratuíto de atención e asesoramento ás mulleres vítimas de violencia onde se informa e axuda cos recursos existentes (asesoramento xurídico, asistencia psicolóxica e atención formativa e laboral a través de itinerarios personalizados), garantindo sempre a máxima confidencialidade e anonimato. Conta co teléfono 986 360 224 e o enderezo cim@concellodegondomar.com.