Preto de 400 persoas participarán esta fin de semana en 6 excursións do programa “En Ruta coa Depo”

O programa da Deputación de Pontevedra “En Ruta coa Depo” organiza para esta fin de semana seis novas saídas que contan coa participación de 376 persoas de diferentes asociacións da provincia. Estas excursións, que terán lugar sábado e domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Para comezar, este sábado 18 de novembro teñen lugar catro excursións. Por unha banda, 54 persoas do Centro Cultural e Deportivo Vilalonga farán unha ruta cultural coa que coñecerán o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da Costa de Soavela, Cabo Home, Cabo Udra e o Museo Massó, en Bueu. Tamén 54 persoas da Asociación de Veciños Parroquia de Bora poderán visitar o Castro de Santa Trega, na Guarda; o Espazo Fortaleza, en Goián (Tomiño); o conxunto histórico de Tui; o monte Aloia, e o Alto dos Cubos.

Por outra banda, 107 persoas do Centro Sociocomunitario Pi y Margall farán unha ruta marítima coa que poderán visitar a Illa da Toxa, O Grove, o Museo da Salga e o xacemento da Lanzada. Amais, farán un paseo en barco pola ría de Arousa, con degustación. Por último, o sábado 53 persoas da Asociación de Mulleres Escola Vella de Hío percorrerán o Castelo de Sobroso, Mondariz-Balneario, os petróglifos de Gargamala, en Mondariz, e castro de Troña, en Ponteareas.

Un día despois, o domingo 19 de novembro, “En ruta coa Depo” organiza dúas novas excursións. Nunha, 54 persoas da Asociación de Veciños e Veciñas Santa Eulalia de Matalobos farán unha ruta cultural por Cambados visitando o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, o conxunto histórico da vila, a bodega Pazo de Fefiñáns e o Museo Muíño de Mareas da Seca. E na outra 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Os Pazos, de Meis, farán unha visita ao Castro de Santa Trega, na Guarda; o Espazo Fortaleza, en Goián (Tomiño); o conxunto histórico de Tui; o monte Aloia, e o Alto dos Cubos.

O programa “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

Anuncios