Presentación oficial da tempada 2017/2018 do Panxón Nigrán FS

O Pavillón Municipal de Deportes acollerá mañá a presentación oficial do Panxón Nigrán FS, que comezará ás 17:30 cun pasarrúas polo paseo marítimo de Panxón, con saída e chegada no Pavillón Municipal. A partir das 18:30, no pavillón, terá lugar a presentación dos equipos, xogadores e integrantes do Panxón Nigrán FS. E unha vez concluído o acto, para finalizar a festa, o Club convidará a todos os asistentes a un piscolabis.

Na súa cuarta tempada, o Club consolida o seu proxecto deportivo xa que para esta tempada conta con preto dun centenar de nenos e nenas, nacidos entre os anos 2002 e 2013 (desde categoría minis ata cadete), 10 equipos dos que 8 disputan competicións oficiais (incluído o infantil feminino creado a tempada pasada e que este ano compite en liga provincial). E segue crecendo no seu proxecto educativo e social, co apoio de máis de 300 socios e 60 empresas e entidades que colaboran no proxecto, tanto deportivo como educativo, que fan posible que o Club poida afianzar e desenvolver as súas iniciativas educativas.