A Xunta presenta en Vigo a campaña do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Presentación da campaña en Vigo.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentaron hoxe en rolda de prensa a campaña institucional de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, que se celebra o vindeiro 25 de novembro.

Baixo o lema de “O máis grande de Galicia non se maltrata”, seguindo a liña marcada pola campaña do pasado 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller, distribuiranse 35.000 carteis por todas as vilas e cidades da Comunidade. Estes repartiranse en locais comerciais e de hostalaría, edificios e centros públicos, concellos, centros de saúde, xulgados e centros educativos. Asemade, desenvolveranse accións na prensa, radio, televisión e redes sociais.

Como novidade, este ano a Administración autonómica está a facilitar aos 313 concellos de Galicia carteis personalizados que poden descargar a través da web http://www.xunta25denovembro.com.

Así mesmo, en colaboración coas tres universidades galegas desenvolveranse un total de 7 xornadas de prevención e sensibilización da violencia sexual na mocidade. No campus de Vigo se levou a cabo o pasado 15 de novembro.

A campaña rematará o próximo 26 de novembro, data na que terá lugar en Santiago de Compostela a quinta edición da andaina “Camiño ao respecto”, que percorrerá o treito que une o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro.

Na súa intervención, López Abella fixo fincapé en que é preciso sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero. Neste contexto, subliñou que “resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a este propósito, sendo as entidades locais un dos actores principais na loita contra a violencia machista pola súa proximidade”.

Actividades complementarias

A campaña do vindeiro 25 de novembro vén a complementarse cunha batería de actividades paralelas que desenvolverán conxuntamente a Secretaría Xeral da Igualdade e os concellos adheridos á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero; 177 en toda Galicia, dos que 41 pertencen a Pontevedra. Esta rede, segundo indicou, é “un instrumento que busca o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e conseguindo a súa implicación e compromiso real contra esta lacra, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade”.

No que atinxe a Pontevedra son 27 os concellos, 8 deles da área territorial de Vigo, que se beneficiarán desta programación complementaria que se desenvolverá a finais deste ano e principios de 2018.

A Guarda. Marín e Poio disporán de obradoiros educativos sobre “Violencia de xénero e o novo contexto dixital», dirixidos a nenos, nenas e adolescentes e centrados no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sexting….

En Nigrán, Crecente e Moraña activarase un curso de adestramento físico e psíquico para crear protocolos de actuación cara a diversas situacións, impartido por monitores e monitoras especialistas en defensa persoal e integrantes da Federación Galega de Loita.

O espectáculo lúdico-musical e pedagóxico “I´ll be Watching You II” (“Hei estar vixiándote II”), que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa, achegarase aos concellos de Vila de Cruces e Caldas de Reis.

Baiona, Valga, Salceda de Caselas, Tui, Cuntis, Cangas, Ponte Caldelas, Tomiño e Ribadumia acollerán as exposicións “Á Violencia de Xénero… Dille NON!” e “Cartas de amor”.

Na mesma liña, Moaña e Bueu contarán cun programa de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que sufriran de maneira directa ou indirecta violencia de xénero, mentres que A Lama, Soutomaior, Redondela, Meis, Silleda, O Rosal, Gondomar e Sanxenxo acollerán charlas informativas. No caso de A Lama e Soutomaior, persoal do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero falará sobre as consecuencias desta violencia nas mulleres, nos nenos e nas nenas e darán pautas para a súa abordaxe; e nos restantes concellos abordarase a trata de seres humanos, preferentemente mulleres e nenas con fins de explotación sexual, a cargo de persoal especializado na a atención ás vítimas deste delito denominado xa a nova escravitude do século XXI.