Nigrán recibe 55.000 € para acondicionar a Avda. Castelao e construír beirarrúas na rúa de San Roque

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas para o Concello de Nigrán, ao abeiro do “Plan Concellos 2017”. Deste xeito, Nigrán recibe unha cantidade de 53.500,33 euros para acondicionar a Avenida Castelao e para a construción de beirarrúas na rúa San Roque.

Ademais, anteriormente a institución provincial xa destinara ao concello de Nigrán 554.287,98 euros en liña 1 destinados á adquisición dunha parcela para a construción dun almacén municipal, para acondicionar as instalacións eléctricas, para subministrar a estrutura de aceiro inoxidable da pista multideportiva da Ramallosa, para adquirir o subministro de luminarias para o paseo marítimo de Panxón, para a mellora das instalacións na rúa Mariñeiro, para o acondicionamento das instalacións eléctricas, e para facer as obras pertinentes de conexión á rede de abastecemento en San Roque. Ademais, outros 76.100 € en liña 2 para o financiamento de distintas actividades como unha milla solidaria, unha exposición, a festa de San Fiz, ciclos como “Nigrán area” ou “Nigrán jazz”, un programa municipal de canguros, o Entroido, unha travesía a nado, o Ano Carlos Casares e probas deportivas, entre outros, e finalmente, na liña 4 de emprego, outros 218.252,28 € para a creación de 27 postos de emprego nos diversos servizos municipais do concello.

Coa suma destas novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do “Plan Concellos 2017” da Deputación de Pontevedra en Nigrán está na actualidade no 93,06% do total do investimento. Isto supón que a vila xa dispón de 902.693,28 € dun total de preto de 970.000 €.