Sin categoría

436 brigadistas da Xunta vanse ao paro tras finalizar a prórroga anunciada en outubro

O 12 de novembro finalizou a prórroga do dispositivo de loita contra incendios forestais, anunciada pola Xunta de Galicia o 25 de outubro, “para facer fronte ao risco de lumes polas previsións meteorolóxicas adversas”. A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA) critica o cesamento do persoal de 3 meses do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais), en contraposición cos traballadores de empresas privadas ou públicas con xestión privada e municipais que continúan no seu posto de traballo ou son contratados para a recuperación das zonas calcinadas polos incendios.

Tras a onda de incendios e a traxedia, xurdiu o espírito solidario do momento e todos quixeron axudar… E como alguén da Administración manifestou hai pouco: “os voluntarios axudan, pero necesítase persoal profesional todo o ano”.

Desde ATRIFOGA, valoran e agradecen o traballo de todos os voluntarios, pero entenden que non é a súa responsabilidade arranxar os problemas que veñen derivados de non ter un equipo profesional contratado todo o ano. “Ata a Xunta recoñeceu que era necesario ampliar o tempo de traballo do persoal de 3 meses do SPDCIF, pola situación que se estaba vivindo e que facía falta prolongar o dispositivo durante máis días; con todo, cesáronnos o 12 de novembro”, lamentan.

“Agora din que xa choveu, que xa non somos necesarios… A choiva arranxouno todo, pero as precipitacións foron mínimas, a porcentaxe de humidade é ínfima, seguimos cunha seca extrema que fai que a biomasa vexetal poida arder con suma facilidade e continúan estando prohibidas as queimas… E espertámonos coa sorpresa de que estamos no paro (sen sequera dereito a subsidio debido a un contrato precario), mentres empresas como SEAGA e TRAGSA están a incorporar persoal para participar nos labores de recuperación forestal das zonas arrasadas polos incendios, a entidade privada Natutecnia segue operando con gran parte dos traballadores das bases de helicópteros e algúns Concellos, manteñen nos seus persoais a cuadrillas e condutores”.

ATRIFOGA volve denunciar a hipocrisía da Xunta de Galicia e esa política forestal encamiñada a segmentar o Servizo e a dar beneficio a empresas de xestión privada, “deixando na rúa aos seus propios traballadores públicos, que son profesionais competentes, que teñen vontade de traballar e que sairían máis baratos e rendibles”.

Ademais, ATRIFOGA lembra que as súas funcións non son só as da vixilancia e a extinción de incendios, senón as básicas tarefas de prevención, rexeneración forestal e emerxencias rurais.

“Dirán que non hai diñeiro nin orzamentos, que non somos necesarios, que non hai risco de incendio, que as condicións climáticas son distintas (todo iso verdades a medias), pero non poderán xustificar que falta persoal para recuperar os nosos montes cando o están contratando de maneira externa e privada. Somos os 436 traballadores profesionais que o Presidente da Xunta, Sr. Feijóo, e a Conselleira do Medio Rural, Sra. Vázquez, eloxian ante as cámaras e dos que, rapidamente, esquécense cando estas están apagadas”, conclúen desde ATRIFOGA.