“La Pinta”, lista para poñer rumbo a Baiona

A réplica da carabela “La Pinta” xa está de novo a flote desde hoxe ás 13:30 horas. Permanecerá amarrada a peirao no río Miño ata o sábado ao mediodía, cando coa marea partirá rumbo a Baiona, arribando á vila cara as 19:30 horas.

A nave atracará nun dos pantaláns do Monte Real Club de Yates, onde estará amarrada toda a semana mentres se finalizan os traballos de montaxe na parte do museo para trasladala ao seu amarre definitivo a tarde do venres 24 ou a mañá do sábado 25.

A carabela permanece na Guarda desde o pasado 6 de outubro, para someterse a unha reparación integral nos estaleiros Joaquín Castro de Camposancos, de cara á próxima Festa da Arribada, unha edición que o Concello pretende celebrar ao grande, dado que conmemorará o 525 aniversario da chegada da embarcación capitaneada por Martín Alonso Pinzón á vila coa primicia do Descubrimento de América.

Raúl Costas, concelleiro de Actividades Marítimas, é o encargado de custodiar a nave tanto nas travesías como nas manobras de solte de amarras como de atracada. Unha vez varada, a carabela foi sometida a traballos por valor de 30.000 euros, que inclúen a limpeza e revisión tanto da obra viva como da morta, o pintado de casco e paus, así como unha revisión xeral de toda a súa cabotaxe e puntos de seguridade. “O barco goza de boa saúde xeral”, destaca o edil.

Trátase da terceira vez en trece anos que a emblemática embarcación parte de Baiona para unha reparación a fondo en dique seco. A primeira mantívoa afastada da localidade durante un ano e medio entre 2004 e 2005 e a segunda, en 2012, apenas tres meses.